30-06-2011O galego campa! Dinamización lingüística nos campamentos de verán
A Xunta, a través dos seus departamentos de Política Lingüística e Xuventude, puxo en marcha o programa de dinamización lingüística O galego campa!, co obxectivo de favorecer o desenvolvemento en galego dos campamentos de verán e de animar á rapazada a se expresar na nosa lingua
O programa conta con diversos materiais. O fío condutor da iniciativa constitúeo o disco
Desaparafusador de gominola, que inclúe cancións divertidas e orixinais de diversos estilos musicais (funky, folk, rap...), interpretadas por profesionais da música galega de primeira liña, como son Pedro e Pablo Pascual, Guadi Galego, Najla Shami, Benxamín Otero, Ramón Bermejo, Germán Díaz, Quim Fariña, etc.
Propostas lúdicas para favorecer o xogo en galegoEste disco vai acompañado dunha proposta de actividades variadas para realizar nos campamentos, con dinámicas lúdicas que pretenden favorecer o desenvolvemento do xogo en galego por parte dos rapaces e das rapazas asistentes. Estas actividades, que na súa primeira edición teñen como destinatarios principais os nenos e nenas de 9 a 12 anos –aínda que útiles e axeitadas desde os 6 ata os 14– están deseñadas para ampliar as habilidades de comunicación oral en galego, practicar a expresividade neste idioma e fomentar a súa escrita a través de propostas lúdicas.
Cancións e fichas das actividades, accesíbeis na redeOs materias de
O galego campa! están accesíbeis no web da SXPL co fin de que todos os monitores e as monitoras dos numerosos campamentos que se realizan en Galicia durante o verán poidan aproveitar os diversos recursos deste programa de dinamización lingüística. Os temas das cancións que conforman o CD
Desaparafusador de gominola e mais as fichas das actividades, coa explicación detallada do seu desenvolvemento, poden descargarse a través do enderezo electrónico
http://www.xunta.es/linguagalega/o_galego_campa.