A segunda edición das Xornadas sobre recursos educativos para traballarmos en galego, organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo terán lugar os días 10, 17 e 24 de febreiro de 2022 no Verbum (Vigo).
DESTINATARIOS/AS
Esta actividade formativa está dirixida principalmente ao profesorado de todas as etapas educativas e aos membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino.
OBXECTIVO DAS XORNADAS
O obxectivo é dar a coñecer proxectos ou recursos didácticos que poidan contribuír a normalizar o uso da lingua galega dentro e fóra das aulas.
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición remata o 8 de febreiro. A inscrición faise cubrindo o seguinte formulario e enviándoo por correo electrónico a actividades.snl@vigo.org
SESIÓNS
As sesións terán lugar os días 10, 17 e 24 de febreiro de 2022 no Verbum (Vigo).
PROGRAMA
As xornadas inclúen relatorios de reflexión (Manuel Núñez Singala: “En galego por que non?”), obradoiros prácticos (por exemplo un de subtitulación da profesora da UVigo Lourdes Lorenzo) e noutras sesións combínase a práctica coa información máis teórica. Nestas teremos obradoiros de slam (con Silvia Penas), Kike Fontán achegará información e actividades sobre as novas tecnoloxías aplicadas ao ensino (realidade virtual, aumentada, intelixencia artificial, ciberseguridade…); sobre o xogo como ferramenta didáctica e normalizadora falarannos Xandobela. Aulas Galegas ofrecerán unha ventá aberta a recursos didácticos dirixidos a familias, profesorado e alumnado…
Tamén haberá presentación de experiencias do profesorado: Coloma Romero daranos a coñecer o proxecto “Estacións de aprendizaxe” desenvolvido no CEP Celso Emilio Ferreiro, e Olga Nogueira Fernández, do IES Ricardo Mella, exporá a súa experiencia do pasado curso que este ano comparte con outros centros: “Unha semaniña enteira”.
Alén disto, a propia concellaría vai mostrar a súa nova páxina web.
Máis información e programa detallado na páxina do SNL de Vigo.
Xornadas en Vigo sobre recursos educativos para traballarmos en galego
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza as II Xornadas sobre recursos educativos para traballarmos en galego, dirixidas a profesorado de todas as etapas educativas e a membros dos equipos de dinamización da lingua galega. A inscrición é gratuíta e está aberta até o 8 de febreiro.