Xoga e fálao, da mañá á noite, en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela acaba de poñer en marcha a campaña Xoga e fálao, da mañá á noite, para a promoción do uso da lingua galega no ámbito deportivo. Esta campaña conta coa adhesión de diversos clubs deportivos do municipio

Nunha primeira fase, esta campaña do SNL de Redondela divulgarase a través de diferentes soportes que farán visíbel o lema Xoga e fálao, da mañá á noite, que estará presente en carteis, trípticos divulgativos de léxico dos deportes, viseiras, bolsos porta zapatillas e camisolas para o persoal da Piscina Municipal.

A partir deste desenvolvemento inicial a campaña espallarase por todas as entidades e clubs deportivos do concello que queiran apoiala. Nestes comezos xa teñen confirmada a súa adhesión a este programa o Club Deportivo Choco, Club Redondela Fútbol Sala, Redondela Escola de Fútbol Base, Club de Remo Chapela, Club Balonmán Chapela, Sociedade Atlética Redondela (SAR), Club Deportivo Cesantes, Club Patinaxe Artística Bolboreta e Club de Tenis Redondela.

A campaña desenvolverase durante todo o ano 2011 e o obxectivo é que o deporte redondelán fale galego, que a nosa lingua estea presente en todas as comunicacións orais e escritas que produzan as entidades participantes: entradas, carteis, megafonía, regulamentos, estatutos, páxinas web e blogs dos clubs, competicións ou publicidade, e que utilicen a lingua galega como lingua habitual, para que os hábitos saudábeis da poboación incidan tamén na saúde da nosa lingua propia.

Para iso, o Servizo de Normalización Lingüística colaborará con todas elas para axudarlles a desenvolver unha verdadeira promoción da lingua galega, facéndolles correccións e traducións, e facilitándolles a confección de páxinas web ou blogs nos que poidan divulgar as súas actividades.
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Lingua vital xa!

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio