O XIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras está convocado Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nel pode participar calquera membro da universidade, ben a título individual, ben en grupo.
MODALIDADES
O premio conta con dúas modalidades, cada unha cun premio diferente
–Campaña normalizadora: deseño dunha campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal e que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario. A proposta deberá conter un punto de partida, os obxectivos que se perseguen, a metodoloxía que se vai empregar, as actividades que se pretenden desenvolver, a planificación temporal, as persoas implicadas e as que implica e a estimación orzamentaria.
Premio: 1.200 euros
–Idea para a promoción do galego: idea que explique razoadamente unha proposta cuxo obxectivo sexa fomentar o uso do galego no ámbito universitario. Constará obrigatoriamente dun informe sobre a idea, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.
Premio: 800 euros
PARTICIPANTES
O concurso está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), así como aos seus respectivos centros adscritos.
Poderanse presentar todas aquelas persoas que o desexaren de xeito individual ou en grupos. Coa constitución de equipos preténdese favorecer a participación dos colectivos que teñen entre os seus obxectivos pular pola normalización do galego, como as comisións de normalización lingüística, as asociacións estudantís, etc.
PRAZO
Para a presentación de proxectos hai de prazo até o 28 de outubro de 2016 (ás 14.00 h).
Bases e información completa aquí >
XIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras: as túas ideas teñen premio
Os SNL das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan a décimo terceira edición do Premio "Luísa Villalta” a Iniciativas Normalizadoras, para premiar ideas e campañas para a promoción do galego. Prazo: até as 14:00 do 28 de outubro de 2016