DECLARACIÓNS DE AMOR GAÑADORAS
Categoría A (de 14 a 19 anos)
1.º Premio: O amor á miña lingua, de Celia Rodríguez Vega, de Outeiro de Rei
“Quero eu facerche agora, miña lingua, unha declaración, non unha declaración calquera, senón unha declaración de amor. Lingua antiga, lingua latina, Que grazas a ti coñecemos as raíces da nosa terra. Lingua bela, lingua amada, A túa palabra nos meus beizos, Son bicos de amor, e de esperanza.”
2.º Premio: Espero resposta, de Francisco Valiño Álvarez, de Miño
“Levamos moito tempo falando polo messenger. Gústame moito falar contigo pero nunca nos vemos e non podo máis, así que vou facer unha cousa. Voulle roubar o coche ó meu pai, porque ti mais eu imos de viaxe ata un lugar marabilloso (ou ata onde chegue a chofa). Alí está todo permitido, alí non hai límite, porque alí estamos ti máis eu… Queres vir?”
3.º Premio: A miña declaración, de Cristina Cabaleiro, de Redondela
“As declaracións de amor escríbense comezando sen saber o que se vai dicir, e rematase sen saber o que se dixo. Por iso comezarei dicindo que o namoramento é un estado de miseria mental na que a vida da nosa conciencia estreita, empobrece e paraliza. Terminarei dicindo; creo que me atopo nese estado.”
Categoría B (de 20 a 35 anos)
1.º Premio: Como son eu para ti?, de María Maira Torres Rey, de Vilanova de Arousa
“Que como es ti para min? Bonito como un repolo, doce como unha mazá, listo como un allo, picante como os pementos, tenro como a leituga, saboroso como os pexegos, exótico como os mangos e refrescante como os ananás. Ti es quen me fai vexetariana e moi jalupina!”
2.º Premio: Política íntima, de Antonio Iglesias Mira, de Arteixo
“Non sei se sabías, mais son un nacionalista da timidez: Preciso auto-determinación para dicirche que te quero.”
3.º Premio: Lingua muda, de Rocío Diéguez Blanco, de Marín
“Lonxe de normas lingüísticas nace en nós o privilexio espontáneo dunha lingua muda. Lingua inquedante, protagonista e enaltecedora de sentimentos contrapostos. Lingua infinita e narcótica; lingua de nostalxias e dun presente inmortal, de dialectos ilimitados, sen verbas nin ortografía. Amor, lingua implacable, fortuíta, inexorable, incrible…”
CANCIÓNS DE AMOR GAÑADORAS
1.º Premio: Non chores máis, de Aida López Casado, de Monforte
2.º Premio: Amor na televisión, de José Lameiras Vilanova, de Ourense
3.º Premio: Arrancamos, de Xermán Bugallo Sanz, de Vigo
No web de Lingua de Amor pódense consultar todas as declaracións e cancións presentadas.
Xa hai declaracións e cancións gañadoras de Lingua de amor
A 3.ª edición do concurso Lingua de Amor, organizado polo SNL do Consello da Xuventude de Galicia e no que participaron máis de 700 persoas cun milleiro de declaracións e con 63 cancións de amor en galego, xa ten gañadores/as.