Xa está en marcha o programa Bocaberta 2010-2011

Xa está en marcha Bocaberta 2010-2011, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover a lingua galega entre os rapaces e as rapazas de 3 a 18 anos a través de actividades relacionadas coa música, a banda deseñada, a maxia, a expresión, etc.

Toda a información sobre o calendario de actividades do programa pode consultarse no boletín do proxecto.

Bocaberta inclúe as seguintes actividades:

AZOU

Dos 12 aos 18 anos

Proxecto musical concibido, deseñado e producido en exclusiva para adolescentes, baseado nas redes sociais. A idea e o espectáculo xiran arredor do proceso de creación dunha banda de música formada por dúas mozas e un mozo. Os protagonistas, cheos de enerxía e talento, cantan, bailan e poñen en escena unha proposta única que, facendo uso das últimas tendencias tecnolóxicas, mestura imaxes, sons e animacións.

DETRÁS DA CANCIÓN

Dos 12 aos 18 anos

Detrás da canción é unha actividade que consiste nun curso de música caseira de pouco menos de dúas horas, con Carlos Valcárcel, Projecto Mourente, e nun concerto acústico do grupo de pop galego The Homens, que desde o ano 2004 editou dous EP e outros tantos LP nos que combina a melodía pop coa furia do punk e os retrousos cantables. As inscricións nos obradoiros poden facerse en www.detrasdacancion.info.

EN CLAVE DE CONTO

Dos 5 aos 8 anos

Por unha banda, os obradoiros Eu falo así parten da canción “Cri-cri”, do disco A nena e o grilo, para identificar as distintas linguas nas que se canta o tema (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro…) e o seu idioma principal, o galego. Por outro lado, músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio participan no concerto-espectáculo A nena e o grilo, que amosa como a trama argumental dun conto pode ser representada e enriquecida desde o plano sonoro e lingüístico.

OLA, OLA, LA

Dos 4 aos 8 anos

Ola, ola, la! é unha aposta musical para quen lle gusta a electricidade máis rítmica a dar voltas polo corpo. A través das melodías do grupo infantil Mamá Cabra e coa axuda dun DVD-Karaoke, os nenos e nenas aprenderán a cantar as cancións coma se formasen parte da banda.

CANTA MÚSICA

Dos 5 aos 7 anos

Obradoiro impartido por Pablo Díaz e Olga Kirk de canto e xogos ten como finalidade a aprendizaxe de cancións infantís, xogos relacionados con estas cancións e coa fala (como adiviñas, trabalinguas ou rimas), así como algunha melodía cantada acompañada dos ritmos básicos da nosa cultura musical, para o que empregaremos pandeiretas, cunchas, castañolas e outras percusións menores

TI CREAS A HISTORIA

12 anos

A partir da historia de Os Megatoxos e o aprendiz de druída, o autor conducirá un obradoiro-conferencia, cheo de humor e contidos educativos, no que lles dará unha receita aos asistentes para crear unha boa historia, a súa propia historia.

GALIMATÍAS

Dos 13 aos 18 anos

Revista xuvenil gratuíta que achega as mellores historietas en lingua galega a todos os rapaces e rapazas. Gal e Matías, os protagonistas, son o álter ego de calquera adolescente, cos seus gustos, teimas e ideais.

ATRAPADOS NA TORRE

Dos 9 aos 12 anos

A través dos trucos e das ilusións, o proxecto pretende vencellar a lingua galega con espazos de diversión abertos á fantasía e, á vez, transmitir valores como os do esforzo, o traballo e a constancia para conseguir os soños de cada un.

CONTOS DE MAXIA

Dos 9 aos 14 anos

O espectáculo abre a porta á imaxinación: as palabras convértense en fascinantes historias máxicas e, con sorpresa, humor e diversión, amósase como con calquera palabra se pode facer maxia.

ABRAPALABRA

Dos 3 aos 11 anos

O mago Carlos Coira fai, en directo, sen trampa nin cartón, múltiples trucos a través dos que gozar da maxia das palabras, pero, tamén, aprender maxia dun xeito divertido e sobre todo, moi doado.

PALABRAS NO AR

Dos 8 aos 13 anos

Dirixido a escolares de educación infantil e primaria, Palabras no ar aposta pola expresión en galego mediante tres tipos de obradoiros: de oralidade, de escrita creativa e de gráfica creativa.

SEÑOR MUNDO, DÍGAME?

Dos 6 aos 8 anos

Señor mundo, dígame? é un recital de poesía e é tamén unha representación teatral que lle cede a palabra ao público para converterse en obradoiro de teatro.

VIVE OS CONTOS

8 e 9 anos

O que no seu comezo parece unha resposta sinxela convértese nun rompedeiro de cabeza e nun monte de aventuras que o levarán a unha reconsideración do seu pensamento sobre o rol das mulleres no seu contorno.

A GUERRA DAS BRUXAS

Dos 12 aos 16 anos

A guerra das bruxas é unha viaxe lúdica na que, a través dunhas xincanas e unha posterior actividade na web www.aguerradasbruxas.com, os rapaces e rapazas se introducen no mundo da bruxería e dos clans.

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio