01-07-2008O Concello da Coruña apoia as iniciativas de normalización lingüística das entidades sen ánimo de lucro
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello da Coruña creou unha liña de subvencións de apoio a iniciativas normalizadoras para entidades sen ánimo de lucro coa finalidade de promover e estender o uso social da lingua galega na cidade. O prazo de solicitude remata o 22 de xullo.
As accións subvencionábeis nesta
convocatoria serán:
- Proxectos que teñan como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega no seu ámbito desenvolvendo programas de normalización lingüística.
- Proxectos de elaboración e difusión de materiais en lingua galega que teñan como finalidade introducir ou estender o uso da lingua galega nalgún eido.
- Confección de documentación (publicacións, cómics, folletos, revistas e boletíns, material lúdico e/ou educativo, etc.), vocabularios, manuais, recursos para o lecer e xogos en galego, plans xerais de fomento da lingua galega, creación de gabinetes de normalización, actividades de creación audiovisual e na Internet, realización de programas de radio e TV non publicitarios, desenvolvemento de actividades culturais (congresos, premios, animación sociocultural, obradoiros, certames…), campañas de sensibilización e publicidade en calquera soporte, elaboración de portais e páxinas web, blogs, etc.
- Proxectos de formación e sensibilización das persoas asociadas para incorporar o obxectivo da promoción do galego nas súas actividades.
- Realización de obradoiros de lingua galega que presenten o galego como unha actividade lúdica, co obxectivo de desfacer prexuízos entre a cidadanía e de constituír un ámbito en que se practique a lingua de xeito efectivo.
O
prazo de presentación de solicitudes é d
un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación (publicación da convocatoria:
BOP do 21 de xuño).
A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña destina para este fin un máximo de 30.000 €, que se distribuirán entre os proxectos presentados en función da puntuación obtida e dos límites que se sinalan nas bases.
Ademais, a mesma concellaría
publica, tamén no
BOP do 21 de xuño, a convocatoria de subvencións destinadas á participación da mocidade, nas que se inclúen como subvencionábeis os proxectos xuvenís de promoción da cultura e lingua galega. No resto de accións subvencionábeis (proxectos de lecer, de creatividade, de animación, etc.) será criterio de concesión o uso do galego en todas as accións do proxecto e será requisito o uso da lingua galega en todos os materiais divulgativos dos proxectos.
BOP DO 21 DE XUÑO (.pdf) coa publicación das dúas convocatorias