08-05-2015Nace o proxecto Apego, para facilitar a socialización en galego desde a primeira infancia
Apego é un proxecto de dinamización lingüística desde o nacemento desenvolvido cooperativamente por doce concellos, a través dos seus SNL, co obxectivo de implicar as familias na valoración positiva da lingua para, así, incrementar a porcentaxe de nenos/as que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual.
Apego é afección, inclinación ou amor por algo ou alguén. Apego é vínculo. Apego é sintonía, empatía. O apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional. E o apego é fundamental para a lingua.
E ante a preocupante situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás, doce concellos queren mellorar as cousas a través dun proxecto con ese nome, Apego, que é unha aventura conxunta de amor, arraigo, lingua, orgullo, identidade... Son
A Baña,
Carballo,
Carnota,
Ferrol,
Narón,
Negreira,
Ourense,
Pontevedra,
Redondela,
Rois,
Santiago de Compostela e
Vigo.
O pasado 23 de marzo asinaron en Compostela a colaboración para comezar a desenvolver o proxecto e, desde hoxe, varios deles xa presentan a súa posta en marcha, e o resto irano presentando nas vindeiras semanas.
Co proxecto Apego quérense implicar as familias na valoración positiva da lingua propia. Para isto as súas diferentes fases axudarán a tecer redes de apoio para a transmisión do galego como idioma de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces, co propio. Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual e que teñan espazos, situacións e recursos para facelo, polo que incluirá accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa colaboración de todos/as.
CAMPAÑA DE DIFUSIÓN, CAIXA DE BENVIDA, MATERIAIS DE APOIO, ESPAZO WEB E ACTIVIDADESO desenvolvemento práctico do Apego en cada concello contempla diversas fases e accións, como unha campaña para difundir o proxecto e as súas mensaxes, unha caixa de benvida con materiais para a crianza en galego, música para os primeiros anos, un espazo web e actividades para a socialización na lingua propia.
Campaña para difundir o proxecto e as súas mensaxesPara socializar o proxecto e as súas mensaxe difundirase a imaxe da campaña e distribuiranse folletos informativos e carteis coa imaxe do Apego principalmente en centros de saúde, servizos de pediatría, establecementos dedicados a produtos relacionados co embarazo e a crianza, asociacións de apoio á crianza ou adopción, centros maternais, etc.
Caixa de benvida con materiais para a crianza en galegoA acción de arranque do proxecto é a entrega dunha caixa de benvida ás familias que agardan un bebé con materiais para achegar argumentos e materiais de axuda para a transmisión do galego, apoio á crianza, etc. Esta caixa entregaráselles ás familias que van ter un neno ou nena (ben por embarazo, ben por adopción) e que estean empadroadas nalgún dos concellos participantes. Contén os seguintes materiais:
Un boneco-manta apego: é un boneco mantiña suave símbolo da campaña, que personifica o polbiño PO, imaxe e mascota do Apego, e que se converterá no vínculo permanente coa familia, e que acompañará o bebé nos seus primeiros meses ou anos. O polbiño PO pasou todos os controis de calidade e ten os certificados de uso axeitados.
Un libro: guía para pais e nais que inclúe razóns para a transmisión da lingua; propostas de nomes en galego e argumentos para elixilos; recomendacións para o inicio da crianza, lactancia, sono, descanso, alimentación, etc.; arrolos, recitados e xogos de dedos; palabras para medrar; etc.
Un álbum de recordos e primeiras experiencias: Para gardar as lembranzas máis importantes, divertidas e especiais do primeiro ano de vida do bebé: a primeira ecografía, a música soaba ou que había na tele e no cine o día que naceu o bebé, o primeiro riso, o prezo do pan, a primeira obra de arte, etc.
Un medidor: para ir seguindo o crecemento do bebé nos primeiros anos.
Un adhesivo para o coche: para que o resto de xente que anda pola estrada ou rúa teña sentidiño.
Música en galego para os primeiros anosUnha vez que naza o bebe, ás familias que recolleron a caixa entregaráselles tamén un disco cunha compilación de dez cancións de música infantil en galego de grupos e estilos diversos: María Fumaça, Mamá Cabra, Uxía, Olga Brañas, As Maimiñas, Pablo Díaz, Os Tres TENedORES, Susa Herrera e Pirilampo. O CD está producido pola Editorial Galaxia.
Espazo web para o ApegoDisponse dun espazo para a información e intercambio de recursos de axuda, culturais, educativos e formativos, para crear rede coas familias para que vaian coñecendo as accións e actividades, para o apoio para a crianza, etc. O seu enderezo é
www.apego.gal.
Actividades para o apoio á crianza e a socialización en galegoAdemais de todo iso, cada concello irá organizando tamén actividades e obradoiros para diferentes colectivos implicados no programa, coa finalidade de axudar á crianza en galego, de ir tecendo redes de apoio e de facilitar a socialización dos nenos e das nenas en lingua galega. Algunhas desas accións previstas son obradoiros de cantos de berce, obradoiros de xogos de dedos, contacontos e concertos para bebés, xornadas de achegamento de materiais en galego para escolas e ludotecas, etc.
UN PROXECTO COLABORATIVO E COOPERATIVO DESENVOLVIDO DESDE OS SERVIZOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICAO proxecto Apego naceu a proposta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e foi ideado e deseñado por un equipo de técnicos/as de normalización lingüística. Foille proposto a todos os concellos que contan con servizo de normalización lingüística (SNL) e foron doce os que, para procurar mellorar a situación da lingua nas idades máis temperás, se comprometeron a executalo de maneira colaborativa, coordinada e cooperativa. Son A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.
A partir de hoxe xa se comeza a presentar nalgúns concellos, e nas vindeiras semanas irase poñendo en marcha nos doce participantes.