10-03-2015A Mesa propón á sociedade seis medidas urxentes para a lingua galega
Ante os retrocesos na política de normalización lingüística e os últimos datos que amosan o descenso do uso do galego, A Mesa pola Normalización Lingüística propón seis medidas urxentes para recuperarmos a nosa lingua e reverter o proceso que a exclúe e que provoca a redución de utentes de galego
Segundo
A Mesa, "non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega debe pór en funcionamento con máis urxencia".
Estas son as medidas que propoñen:
1- Impulso ao papel normalizador da CRTVG– Mellorar e ampliar a oferta de lecer infantil e xuvenil en galego na TVG e na RG.
– Debates políticos plurais sobre temas de interese xeral de temática galega.Intervención de persoas expertas que utilicen a lingua galega nos noticieiros e programas.
– Programación ampla e específica sobre historia de Galiza. patrimonio galego, música en galego, literatura galega…
– Acordos con outras canles, distribuidoras, produtoras para a dobraxe e lexendado de filmes e series en galego.
2- Ensino en galego– Plan de choque para a introdución e o emprego do galego na Educación Infantil
a) Emprego do galego na Educación Infantil: inmersión lingüística
b) Oferta de materiais didácticos en galego
– Impulso ao galego na Educación Primaria e Secundaria e eliminación de todos os limites impostos á lingua propia no decreto 79/2010
– Oferta de galego en xoguetes e lecer infantil e xuvenil.
3- Administración en galego– Oferta positiva na atención ao público en toda a administración galega, municipal e estatal e en todas as concesións publicas, así como galeguización de toda a sinalización, formularios e documentación interna e externa.
– Oferta de galego en todos os servizos de administración electrónica
– Impulso da galeguización da xustiza e do programa Minerva.
– Oferta positiva de galego no Servizo Galego de Saúde e galeguización de todos os programas e aplicacións informáticas, nomeadamente Ianus.
4- Transportes públicos– Sinalizacións e información en galego nas estacións de autobuses e tren.
– Utilización exclusiva da toponimia galega como única forma legal.
5- Convenio coa RTP– Recepción en todo o territorio galego, cando menos, do sinal da Radio Televisión Portuguesa e emisión da CRTVG para Portugal.
6- Axudas e subvencións– Condicionar todas as axudas e subvencións da Xunta de Galiza á utilización efectiva da lingua galega, nomeadamente as concedidas á Igrexa Católica e aos medios de comunicación.