13-06-2016Traballando en lingua no ámbito socioeconómico
O Curso de verán sobre dinamización lingüística #traballandoenlingua da UdC centrará este ano o seu programa na situación da lingua no ámbito socioeconómico. Terá lugar os días 6 e 7 de xullo no Fórum Carballo. Prazo de inscrición aberto até o 30 de xuño.
O
Curso de verán sobre dinamización lingüística #traballandoenlingua chega neste 2016 á súa duodécima edición. É un encontro anual estabilizado onde se fan análises, debates, reflexións e propostas prácticas de cara á mellora do proceso de normalización da lingua galega, traballando o discurso, os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos, etc. Está organizado polo
Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña coa colaboración do
Concello de Carballo, a
Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a CTNL.
Inscrición: o prazo de matrícula neste curso está aberto
até o 30 de xuño de 2016, e o número de prazas está limitado a
60 persoas, que se cubrirán por
orde de inscrición.
O galego como valor engadido para empresas e produtosNa edición deste ano representantes do ámbito da lingua e do sector empresarial reuniranse os
días 6 e 7 de xullo de 2016 no
Fórum Carballo para traballar arredor de algo moi importante para o presente e o futuro do idioma:
o uso e o prestixio do galego no ámbito socioeconómico. Así, o programa inclúe sesións para analizar a situación da lingua galega no ámbito da empresa e o comercio, os motivos desa situación e os factores e condicionantes que a provocan e que poden ser claves para mellorala. Tamén se darán a coñecer e avaliaranse experiencias positivas sobre o uso da lingua galega, ou que procuran o uso do galego en comercio, empresa produtos ou publicidade. E, finalmente, hanse propor medidas de intervención que procuren mellorar o uso e o prestixio da lingua galega neses ámbitos.
En definitiva, un curso que busca mellorar o uso e o prestixio da lingua na empresa, nos comercios, nos produtos, na publicidade, nos negocios, etc.
Deste xeito, comezará o
mércores 6 coa
presentación do Plan de dinamización da lingua no tecido económico 2015-2020 por parte do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez. A continuación será a vez do presidente da Confederación de Empresarios/as de Galicia (CEG), Antonio Dieter Moure, que falará da
lingua como valor positivo de identificación empresarial. A mañá do primeiro día rematará cunha
mesa redonda con representantes de empresas de diverso tipo que destacan polo
uso do galego na comunicación, como é o caso de R (participará a súa responsable de comunicación, Malú Bergantiños), Deleite(falará o seu voceiro, Pedro González) e Todo Lar (que estará representada polo seu xerente, José Manuel Naya).
Pola tarde, o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo fará unha
análise sobre os espazos da lingua galega no ámbito socioeconómico. A continuación, Xosé González, voceiro do
Foro Enrique Peinador falará da
experiencia deste grupo de empresas a prol do uso da lingua propia. Tamén haberá unha
análise sobre o uso do galego na publicidade, que fará Chechu Pérez, publicista da Universidade de Vigo. Rematará a primeira xornada coa intervención da artesá zoqueira Elena Ferro (Eferro) sobre a
dignificación e posta en valor do propio.
A
segunda e última
xornada do curso comezarase falando da
paisaxe lingüística comercial, a partir do exemplo de Carballo. Un traballo que farán as xornalistas Paula Vázquez e Noelia Antelo, que tamén guiarán un paseo comentado pola paisaxe lingüística comercial polas rúas, feira e mercado de Carballo, combinado con arte urbana. A continuación, a presidenta da Unión de Consumidores/as de Galicia (Ucgal), Ana Olveira, falará da
lingua como valor para as persoas consumidoras, e o xestor internacional e profesor da Universidade da Coruña, Jakson Renner, falará sobre
o galego como valor turístico. Rematará a mañá coa intervención de María Xosé Jamardo Curros (Grupo Alfas) sobre as
potencialidades do galego nas empresas de novas tecnoloxías.
Xa pola tarde, representantes das empresas Imaxín, Reverso e Fabaloba contarán as súas
experiencias sobre os servizos para a posta en valor da lingua nas empresas e, a continuación, o decano de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, Anxo Calvo, falará sobre
o papel da lingua na responsabilidade social corporativa das empresas. Rematará o curso cunha
análise e debate de conclusións e ideas para un mellor futuro do galego no ámbito empresarial, algo que guiará o comunicador, xestor e escritor Ramón Vilar Landeira.
#QuedamosenCarballo: Prezos alcanzables para todos e todasOs
prezos de participación neste curso son de
30 € para estudantado, persoas desempregadas, membros da UDC e
socios/as da CTNL, e de 50 € para o resto, e este prezo, ademais do curso, inclúe os xantares e os cafés dos dous días. Ademais, hai unha oferta de hospedaxe en Carballo para participantes no curso que vai desde os 22 € / día con almorzo incluído.
Máis información e programa completo en:
- Web do curso:
www.traballandoenlingua.gal- Páxina en Facebook do curso:
www.facebook.com/traballandoenlingua