CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Lingua


1603 votos
Xa votaches!


08-05-2012

Con lume no peito. A AELG premiou o traballo dos SNL e dos ENDL

Con lume no peito. A AELG premiou o traballo dos SNL e dos ENDL
O sábado 5 de maio a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) entregou os seus premios, que este ano, na categoría de institucións, recoñeceron o labor dos servizos e dos equipos de normalización lingüística. Simbolicamente, en nome deles, o premio recolleuno Agustín Fernández Paz. Achegamos aquí as súas palabras


O pasado sábado 5 de maio a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregou os Premios AELG 2012; o destinado a Institucións que se caracterizan pola súa contribución á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, foi, por decisión unánime da Asemblea Xeral de Socios e Socias da AELG, para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas no ámbito da administración e da educación, traballaron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos –o escolar e o administrativo– desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.

Por tanto, desde o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, quérenlle trasladar a cada unha das persoas que traballan nos servizos de normalización lingüística (SNL) ou que forman parte do equipo de normalización e dinamización lingüística (ENDL) o seu agradecemento polo labor pasado, presente e futuro.

A seguir, achéganse as palabras que Agustín Fernández Paz pronunciou ao recoller o premio:

CON LUME NO PEITO

A nosa Asociación decidiu premiar este ano, no apartado destinado ás institucións, os servizos municipais de normalización e os equipos de normalización dos centros de ensino. Os que existen na actualidade e tamén os que foron facendo camiño ao longo destes últimos trinta anos.

A AELG quixo que, simbolicamente, recollese eu este premio, e aquí me tedes. Mais a quen debedes ver aquí non é a min, pois neste momento eu non son máis que un corpo aberto que quere servir de canle para que se manifesten tantas e tantas persoas que traballaron, e traballan, pola normalización social da lingua nos concellos e no ensino.

Porque é tempo de dicilo: os avances na normalización social da lingua conforman hoxe un edificio que, malia tantas agresións como sofre, ten paredes solidamente construídas e vai abrindo estancias para podermos vivir en galego con normalidade. Paredes que resisten as acometidas dos que desexarían botar o edificio abaixo e substituílo por unha cabaniña vistosa, para gozo de turistas e nativos desleigados.

Esas paredes e eses cuartos non se fixeron sós. Foron moitas mans quen os construíron, e cómpre lembralo con orgullo nestas horas difíciles. Ben sei que formamos parte dun río que vén de lonxe, que somos elos dunha cadea, que sempre se constrúe sobre as bases asentadas polos que estiveron antes. Mais a miña xeración, e as que seguiron, tamén fixeron o seu.

Podería falar agora das organizacións de docentes que pularon para botar a andar unha escola galega, que traballaron para que os equipos de normalización existisen (nun proxecto moito máis ambicioso do que foi logo o cativo deseño administrativo). Podería facelo tamén dos primeiros equipos, os que foron abrindo os camiños más entupidos. Podería falar dos servizos municipais pioneiros, coma o dos concellos de Fene ou Redondela, que tantos vieiros deseñaron. Podería falar de tantísimos nomes salientables, dunha historia que aínda está por escribir; persoas que, por diversas razóns, transcenderon o labor diario e chegamos a saber do seu traballo. Todo o noso recoñecemento para elas, xaora que si!

Mais a quen quero loar especialmente é a outras persoas. E, para iso, deixádeme viaxar a Bos Aires, ao 25 de xullo de 1948 e recoller un anaco da extraordinaria Alba de Groria que ese día pronunciou Castelao. Como ben sabedes, no texto fala primeiro da Santa Compaña dos inmortais galegos, das figuras senlleiras ao longo da historia, ás que vai citando unha por unha.

E logo, un pouco máis adiante, di:
En canto a Santa Compaña dos inmortaes se perde na revolta dun camiño, detrás dun pinal, vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de cinzas humáns, unha moitedume infinda de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que, xuntos, compoñen o substractum insobornable da nosa Patria. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza.
[…] Esas luciñas son o pobo, que nunca nos traicionou; son a enerxía colectiva, que nunca perece; son, en fin, a espranza celta, que nunca se cansa.
Esa moitedume de luciñas representa o que fomos, o que somos e o que queremos ser.


As persoas que eu quero loar aquí están moi vivas aínda, e que sigan así por moitos anos. Mais hai unha semellanza entre a multitude da que fala Castelao e a significativa cantidade de docentes que, desde os seus centros, traballaron arreo en condicións difíciles nos anos oitenta, nos noventa e nos do novo século. Descúbrome ante tanta xente admirable que traballou en centros de Galicia enteira: son a auténtica columna vertebral dos logros que se foron conseguindo nestes anos. Debemos agradecer profundamente os exercicios de dignidade persoal que están na raíz do seu traballo. Grazas a eles, un sector do alumnado puido educarse coa conciencia de que o galego é unha lingua de pleno dereito, válida para todos os usos e situacións; puido medrar sen prexuízos cara o galego, puido adquirir ou consolidar a competencia necesaria para utilizalo con naturalidade, puido coñecer e apreciar a literatura de noso…

E que dicir dos servizos municipais de normalización? Na miña infancia vilalbesa, desde as fiestras máis altas da casa, víase toda a extensión da Chaira, que polas noites era un océano de negrura. Pois ben, na noite de San Xoán, cando en cada barrio da vila ardía o Lume Novo, desde a fiestra da casa víamos como a negrura da Chaira quedaba rota pola luz dos lumes que se acendían en distintos lugares. E nós podiamos dicir: mira, o de Mourence, o de San Xoán de Alba, o de Boizán, o de Sancovade, o de Gondaísque... Pois así, coma eses lumes na noite, foron e son os Servizos de Normalización. Cando un mira o mapa de Galicia é doado saber en que lugares hai un servizo iluminando o Concello.

Destas persoas que, desde os Concellos e desde os centros educativos, traballaron e traballan con entusiasmo e afouteza, podemos afirmar o que Castelao dicía dos trobeiros na Alba de Groria: camiñan todos con lume no peito.

Recollo, con emoción e agradecemento, a escultura que simboliza este premio. Mais entenderedes ben que non tería sentido quedar eu con ela, xa que se trata dun premio a un colectivo moi amplo. Así que, se non hai inconveniente, quero cederlle á AELG esta escultura para que a deposite nas súas vitrinas, en lembranza deste xusto recoñecemento ao colectivo do que é unha honra formar parte.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2012


Ligazóns relacionadas


Carta da AELG aos SNL e ENDL

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019

Avisos

    mes anterior
    Decembro de 2019
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
                1
    2 3 4 5 6 7 8
    9 10 11 12 13 14 15
    16 17 18 19 20 21 22
    23 24 25 26 27 28 29
    30 31      
    Próximos eventos

    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • Asociate á CTNL
    • Gústame... o galego
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga
    • Traballarmos en dinamización lingüística | Isa Vaquero
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Axenda da lingua
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Kit para a normalización da lingua
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego