Os Axóuxeres é un programa de dinamización lingüística promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que, mediante o xogo, a música e a experiencia sensorial, busca favorecer a incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés.
A través dos tres formatos dos que consta esta nova edición (Festas, Obradoiros e Encontros), o programa Os Axóuxeres quere axudar a que os pais e as nais contribúan á cadea de transmisión da lingua e, á vez, obteñan ideas para xogar na casa, prolongando no fogar a propia actividade. Nesta ocasión, a iniciativa homenaxeará os avós e as avoas, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e transmisión da lingua ás crianzas.
As Festas dos Axóuxeres
O avó de Eli perdeu o seu caderno! Nel gárdanse os debuxos máis bonitos, as cantigas máis fermosas, os xogos máis divertidos, as adiviñas de cando el era neno… Eli, a rapaza protagonista do espectáculo, vai axudar o seu avó, o actor Xosé Manuel Oliveira “Pico”, a recuperar a súa memoria. Farao coa axuda de Totó, un boneco de cor azul que está a aprender as súas primeiras palabras.
Na viaxe que farán o avó, Eli e Totó para recuperar o caderno atoparán ovellas, cans, novos amigos…, e cantarán cantigas tan populares como A Carolina ou A vaca Marela. Ademais, rirán a cachón e farán xogos do máis diverso.
As Festas dos Axóuxeres son espectáculos participativos dunha hora de duración que conxugan a música, as cantigas, o teatro e o xogo en galego.
Durante o mes de setembro, as Festas dos Axóuxeres percorrerán as sete cidades galegas:
- Sábado 4 de setembro: A Coruña. Pavillón Municipal San Francisco Xavier. Ás 12.00 h
- Domingo 5 de setembro: Ferrol. Pavillón Municipal de Esteiro. Ás 12.00 h
- Sábado 11 de setembro: Lugo. Pavillón Municipal dos deportes. Ás 12.00 h
- Domingo 12 de setembro: Ourense. Pavillón Municipal de Deportes. Ás 12.00 h
- Sábado 18 de setembro: Pontevedra. Pazo da Cultura (Recinto Feiral). Ás 12.00 h
- Domingo 19 de setembro: Vigo. Complexo Deportivo das Travesas. Ás 12.00 h
- Sábado 25 de setembro: Santiago de Compostela. Pavillón do Restollal. Ás 12.00 h
Os Encontros
Este programa inclúe tamén os Encontros dos Axóuxeres, espectáculos cun formato máis reducido que o das Festas. Estas actividades terán lugar no mes de xaneiro, nun total de doce localidades das catro provincias galegas.
Os Obradoiros
Para esta edición, a SXPL introduce unha importante novidade. Trátase dos Obradoiros dos Axóuxeres, que teñen como fin darlles continuidade ás festas (durante os meses de setembro e outubro) e aos encontro (xa en xaneiro) e que combinan un pequeno curso de masaxe infantil, música e cantigas de arrolo tradicionais galegas.
Os obradoiros estarán centrados na transmisión do afecto, tan importante no desenvolvemento dos bebés: as miradas, os aloumiños, a música e a palabra poden ser vías complementarias para afondar na relación entre pais/nais e fillos/fillas.
As prazas para os obradoiros son limitadas, polo que é imprescindíbel apuntarse previamente no teléfono 630 230 338 para poder asistir. O calendario completo pode consultarse aquí.
Información completa sobre os Axóuxeres no web da SXPL >