Voces e sons da lingua. Festa de Queremos Galego o 30 de abril

O galego é a chave coa que abrimos o mundo. Ese verso de Manuel María encabeza o cartel da festa de voces e sons da lingua que nos une e que terá lugar o 30 de abril, a partir das 19.30 h, en Santiago de Compostela, e na que actuará Roi Casal, Ugia Pedreira, Miro Casabella ou Roberto Sobrado

Queremos Galego, plataforma cidadá que agrupa máis de 700 entidades de toda tipoloxía, quece motores para o grande acto nacional en defensa da lingua e da cultura galegas que terá lugar o próximo sábado 30 de abril en Santiago de Compostela.

Co verso do noso poeta nacional Manuel María O galego é a chave coa que abrimos o mundo como fío condutor, a plataforma cívica organiza un acto que ten a pretensión de se converter nunha auténtica festa da palabra, unindo dúas perspectivas, a lúdica e a reivindicativa, como xa acontecera o ano pasado co gran macrofestival musical contra o decretazo celebrado en abril do ano pasado en Pontevedra.

O acto nacional do vindeiro día 30 terá finalmente como escenario a Sala Capitol e comezará ás 19.30 horas. Durante o mesmo alternaranse no escenario as actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado coas palabras do actor Ernesto Chao, presidente de Escena Galega; a profesora e sociolingüísta Pilar García Negro; a escritora Teresa Moure; o escritor e académico Manuel Rivas; o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG); e, finalmente, Carlos Callón, presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego. O acto será conducido polo humorista e artista gráfico Xosé Lois González.

A plataforma porá nos próximos días á venda nos puntos habituais nas diferentes comarcas do país as entradas para o acto, que se venderán a 5 €. O diñeiro recadado destinarase a seguir financiando as actividades de Queremos Galego.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio