–Consulta aquí as propostas presentadas na primeira xuntanza do Viveiro > [Para anotarse a colaborar con algún destes proxectos débese enviar un correo a viveiro@ctnl.org até o 20 de xuño cos datos de contacto e indicando en que proxecto(s) se quere colaborar]
–Descarga a descrición e convocatoria completa (.pdf)>
–Descarga a ficha de envío de propostas (.rtf)>
Que é isto do Viveiro de propostas normalizadoras?
Pois é un espazo de intercambio de ideas e traballo conxunto para que os traballadores e as traballadoras de normalización lingüística poidamos poñernos en contacto, coñecer e presentar propostas e ideas de accións normalizadoras, buscar xente coa que intercambiar impresións e colaborar na maduración e posta en marcha desas propostas, etc. A idea é que deste espazo ou laboratorio nazan e se poidan desenvolver actividades, accións, campañas, obradoiros, produtos normalizadores, etc.
De que tipo de propostas estamos a falar?
De todas as que teñan como fin o incremento do uso e prestixio da lingua galega e se queiran presentar para intercambiar impresións con outras persoas e intentar maduralas ou desenvolvelas conxuntamente.
Por exemplo: unha campaña para incentivar que nos pubs poñan máis música en galego e que se pode desenvolver desde unha asociación, unha aplicación que compile modelos de documentos administrativos municipais, un obradoiro para traballar coa mocidade o uso das novas tecnoloxías en relación coa lingua para ofrecerlles a concellos ou centros de ensino, un manual de boas prácticas para cargos institucionais que asuman diferentes entidades ou un concurso nas redes sociais de fotos con lemas e argumentos a prol do galego.
E como funcionaría este viveiro?
Pois procuramos que sexa do xeito máis directo e sinxelo… A CTNL convoca unha xuntanza na que se pode participar tanto presentando ideas como asistindo para coñecelas coa intención de colaborar nalgunha(s). E, a partir de aí, créase un grupo de traballo para cada un dos proxectos que estará formado por todas as persoas interesadas en colaborar no seu desenvolvemento e coordinado pola persoa que o propuxo.
Cando vai ser esa xuntanza?
A xuntanza inicial de posta en marcha do Viveiro é o mércores 30 de maio de 2012, ás 17.30 h, na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela (Aula 12).
Si! estou interesada/o en participar. Como fago?
Moi sinxelo. Abonda con que cubras o formulario que está ao final desta información (ollo, tes que validar os datos na mensaxe que che chegará ao correo-e que indiques).
Se ademais queres presentar un proxecto, unha idea, etc., debes descargar esta ficha, cubrila explicando en que consiste a túa idea ou proxecto, e enviala por correo electrónico a viveiro@ctnl.org.
E, para poder organizarse ben, isto debes facelo até, como máximo, o 23 de maio de 2012.
En que consistirá esa xuntanza?
Nesa xuntanza, cada persoa que presenta un proxecto disporá dun tempo de 10 minutos para presentalo, explicar os seus obxectivos e a proposta de desenvolvemento, e todo o que considere oportuno. Para isto poderá botar man de ordenador, proxector, etc. (que xa hai na aula). A continuación, noutros 10 minutos, as demais persoas participantes poderán facer preguntas, comentarios, achegas, ideas, dúbidas, etc.
Ao final, cada persoa sumarase ao(s) proxecto(s) que queira e pasará a formar parte do seu grupo de traballo para contribuír así ao seu desenvolvemento, avance, participar nas xuntanzas específicas dese proxecto, etc. A persoa coordinadora dese grupo será sempre a persoa que propuxo o devandito proxecto, sen a mediación da CTNL.
Ah! Para facer todo máis áxil, ter todo máis claro e coñecer previamente en que consisten as ideas que se van presentar, uns días antes da xuntanza enviarásevos a todas as persoas anotadas as fichas recibidas explicativas dos proxectos.
E a partir da xuntanza, como se traballa no desenvolvemento dos proxectos?
Iso xa depende da dinámica proposta pola persoa impulsora/coordinadora de cada proxecto e do grupo de traballo creado. Este Viveiro impulsado pola CTNL o que fai é favorecer ese primeiro contacto, o intercambio de ideas, o espazo para o coñecemento dos proxectos, etc. A partir de aí, os proxectos son do/a seu/súa impulsor/a e do grupo de traballo que o desenvolva.
Entón, cal é o papel da CTNL a partir desa xuntanza?
A CTNL é quen pon en marcha o Viveiro e quen convoca as xuntanzas xerais coa finalidade de que nazan ideas/proxectos e de poñer en contacto a persoas para as poder madurar, compartir, desenvolver, etc., mais os/as “donos/as” das ideas/proxectos son, sodes, en todo caso, as persoas que as propoñen e, a partir de aí, todas aquelas que colaboran no seu desenvolvemento. Ademais, da xestión de maduración e desenvolvemento de cada idea/proxecto encargarase xa o/a seu/súa promotor/a, e non a CTNL.
A CTNL como tal, alén da convocatoria e xestión do Viveiro, poderá asumir ou participar naqueles proxectos que se lle propoñan e que desde a Directiva se consideren oportunos para a participación ou para seren asumidos pola CTNL (de acordo coas finalidades da propia asociación, claro). Tamén poderá asesorar, na medida das posibilidades, os/as promotores/as e grupos de traballo de cada proxecto; e tamén difundir, na medida das posibilidades, cada un dos proxectos a través do web, das redes sociais, do correo electrónico, etc., de acordo cos/coas seus/súas promotores/as, indicando que é un proxecto nacido neste viveiro de ideas da CTNL. Finalmente, poderá avaliar conxuntamente o nacemento e xestión dos proxectos nas xuntanzas xerais do Viveiro.
Nun principio a idea é convocar unha xuntanza xeral do Viveiro cada seis meses, mais iso é mellor que o valoremos todos/as xuntos/as no propio Viveiro, vendo como vai funcionando.
Se tes algunha dúbida ou suxestión podes dirixirte a viveiro@ctnl.org.
Que, anímaste a participar?
Descarga a ficha de envío de propostas (.rtf)>
Viveiro de propostas normalizadoras
Un espazo de traballo e intercambio para o nacemento de proxectos de normalización lingüística
Xuntanza inicial: 30 de maio
Envío de propostas e inscrición: até o 23 de maio