O galego é un valor cultural que nos identifica como pobo, mais tamén nos conecta cunha comunidade maior de case 200 millóns de persoas que falan portugués, xa que permite a intercomprensión sen necesidade de mediación. Este valor cultural transfórmase en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación. O galego non só permite a comunicación coa lusofonía, senón que xera o clima de confianza que proporciona comunicarse sen intermediacións.
E isto é unha moi grande vantaxe competitva para as empresas galegas.
Por este motivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e mais a Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) veñen de pór en marcha a campaña “Exportar en galego”, que ten como finalidade concienciar o empresariado galego acerca das vantaxes competitivas que representa o galego nos países de fala portuguesa.
“Exportar en galego” engloba tamén unha Guía para a exportación a países de lingua portuguesa (.pdf), na que se recompilan os principais datos de utilidade (demográficos, socioeconómicos e políticos), así como ligazóns de interese para as empresas iniciaren accións de exportación ou internacionalización nos países de lingua portuguesa.
Podes consultar información completa desta acción no web da Xunta >
Vantaxe competitiva das empresas galegas por motivos lingüísticos
A Xunta e a Federación de Parques Empresariais desenvolven a campaña "Exportar en galego", para concienciar o empresariado das vantaxes competitivas que representa o galego nos países de fala portuguesa