URXENTE! Convocatoria dunha bolsa de emprego de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Sada
O Concello de Sada anunciou no BOP de hoxe a convocatoria dun proceso selectivo para crear unha bolsa de emprego para unha praza de técnico/a de normalización lingüística. O prazo para presentar solicitudes é de tan só tres días hábiles.
O Concello de Sada publicou no BOP de hoxe a convocatoria dun proceso selectivo para a confección dunha bolsa de emprego para a posible contratación dun/dunha técnico/a de normalización lingüística.
VIXENCIA DA BOLSA DE EMPREGO
A bolsa de emprego que se cree a partir desta convocatoria terá unha vixencia de tres anos prorrogables por outros tres, dende a súa aprobación por resolución da Alcaldía.
CARACTERÍSTICAS DA PRAZA
A bolsa confecciónase para a contratación dun/dunha técnico/a de normalización lingüística no grupo A1, que corresponderá á escala de Administración especial, subescala técnica, clase técnico/a superior. A relación xurídica será de persoal laboral temporal ou persoal funcionario interino/a.
TITULACIÓN REQUIRIDA
Para participar neste proceso selectivo, cómpre ter algunha das seguintes titulacións:
– Licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa ou equivalente
– Licenciatura en Filoloxía Galega ou equivalente
– Licenciatura en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) ou equivalente
– Grao en Lingua Galega ou equivalente
– Calquera outra licenciatura ou grao sempre que se dispoña do Celga 5
SISTEMA SELECTIVO
De conformidade co previsto nas bases xerais aprobadas polo Concello de Sada (BOP da Coruña do 5 de febreiro de 2020), o sistema selectivo será o de oposición.
PROCESO SELECTIVO
A oposición consistirá en dous exercicios de carácter obrigatorio e eliminatorio:
O primeiro exercicio será teórico: consistirá nun cuestionario de 20 preguntas con catro preguntas alternativas, baseado no temario completo (parte xeral publicada nas bases xerais e parte específica publicada nas bases específicas). A puntuación máxima deste exercicio será de 20 puntos.
O segundo exercicio será práctico: consistirá na realización dun suposto práctico relacionado coas materias específicas do temario. A puntuación máxima deste exercicio será de 30 puntos.
SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN, TAXAS E PRAZO
A solicitude axustaranse ao modelo que está á disposición das persoas candidatas na seguinte ligazón (sección “varios”). Coa solicitude de participación achegarase a documentación sinalada na base cuarta das bases xerais.
De acordo coa base quinta das bases xerais, os dereitos de exame son de 25 euros (grupo A, subgrupo A1).
O prazo de presentación de solicitudes é de tres días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP. Polo tanto, o prazo finaliza o 24 de agosto.
Máis información nos seguintes documentos e na sede electrónica do Concello de Sada:
– Convocatoria, en .pdf (BOP da Coruña do 19 de agosto de 2020)
– Bases xerais, en pdf (BOP da Coruña do 5 de febreiro de 2020)
– Bases específicas, en pdf (publicadas na sede electrónica do Concello de Sada o 19 de agosto de 2020)