A sentenza 00342/2012 do Xulgado do Social n.º 3 da Coruña declara a nulidade do despedimento con condena á readmisión inmediata do técnico de normalización lingüística do Concello de Vilasantar nas mesmas condicións que rexían no momento de se producir o despedimento, ademais de ingresar os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento ata a efectiva readmisión.
Este concello notificoulle ao traballador o 14 de decembro de 2011 que o seu contrato remataba o 31 de decembro, e indicou na comunicación que “se producirá o cese do contrato temporal que a empresa ten subscrito con vostede, en virtude do convenio asinado entre a Deputación da Coruña e o Concello de Vilasantar para o financiamento de creación ou mantemento do servizo de normalización lingüística…”.
Mais o traballador alegou e demostrou que realizou, de maneira permanente e habitual desde que foi contratado, outras tarefas ademais das sinaladas no contrato e propias de técnico de normalización lingüística.
Os principais argumentos que se sinalan na sentenza para declarar nulo o despedimento e obrigar á readmisión son:
-Que o traballador tiña que desenvolver outras tarefas alén das sinaladas no contrato e propias do técnico de normalización lingüística “por seren funcións necesarias para o concello”.
-Que o tipo de traballo para desenvolver non é o propio dun contrato por obra ou servizo determinado, polo que se considera que este foi feito en fraude, e polo tanto convértese en indefinido.
-Que a existencia dunha subvención ou convenio non pode determinar o carácter temporal do contrato.
Por ser esta unha sentenza que pode ser de interese para casos similares doutros/as técnicos/as de normalización lingüística noutros concellos, achegámola completa aquí (.pdf, 4,2 MB) >
Unha sentenza obriga ao Concello de Vilasantar a readmitir o técnico de normalización lingüística municipal
O Xulgado do Social n.º 3 da Coruña declarou nulo o despedimento do técnico de normalización lingüística do Concello de Vilasantar e obrigouno á súa readmisión, co que converte o seu contrato en indefinido e desvinculado de subvencións