Libros, discos, filmes, banda deseñada, concertos, maxia, recitais, teatro, presentacións, prensa, obradoiros, camisolas, danza, graffiti, contacontos, representacións, ilustración, curtametraxes, palabras…, lingua. Esta fin de semana do 28 e 29 de novembro o Palexco da Coruña será un fervedoiro de imaxinación e creatividade. Alí estará toda A cultura que facemos. A cultura que queremos.
Case 100 entidades dos sectores do libro, as artes escénicas, a música, o audiovisual, as artes plásticas, etc., danse cita na Coruña para presentar, difundir e achegarlle á cidadanía as súas propostas, as súas producións, o seu traballo, os seus produtos e servizos. Editoriais, librarías, asociacións profesionais, asociacións culturais, compañías de teatro e danza, produtoras musicais, discográficas, produtoras audiovisuais, etc. Toda a industria cultural galega se dá cita esta fin de semana en Palexco.
Aínda que a lingua galega é o vínculo de unión de toda a feira, participarán ademais unha serie de entidades concretas máis directamente relacionadas co traballo en normalización lingüística, como por exemplo A Mesa pola Normalización Lingüística, a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, a Plataforma Queremos Galego ou a Real Academia Galega.
O completo programa abrangue máis de 100 actividades a todas horas e para todos os públicos, con concertos como os de Xabier Díaz, Roi Casal, Mamá Cabra, Bonovo, Luar na Lubre, etc.; actividades escénicas como as de Chévere, Femme Fatale, Teatro do Morcego, Talía Teatro, Manicómicos, etc.; proxeccións audiovisuais; obradoiros de maxia, banda deseñada, ilustración, teatro, etc.; presentacións de libros, discos, proxectos, etc., por parte de Manuel Rivas, María Reimóndez, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Pilar García Negro, Real Academia Galega, Clúster Audiovisual, Implicad@s no desenvolvemento, Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, Academia Galega do Audiovisual, etc.
AchegArte. A cultura que facemos. A cultura que queremos, está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa colaboración da Deputación da Coruña, e naceu ante a suspensión este ano do Cultur.gal por parte da Xunta de Galicia.
Descarga aquí a información e o programa completo en .pdf
HORARIO
Sábado 28: de 10.30 h a 14.30 h e de 16.30 h a 22.00 h
Domingo 29: de 10.30 h a 14.30 h e de 16.30 h a 21.00 h
Entrada de balde!
Unha fin de semana na Coruña para AchegArte aos produtos e servizos culturais en galego
O sábado 28 e o domingo 29 de novembro ten lugar na Coruña a feira AchegArte, herdeira circunstancial do Cultur.gal, e que ten como obxectivo a promoción dos produtos e servizos en galego dos ámbitos da música, da literatura, do audiovisual, das artes escénicas, da xestión sociocultural, etc. Actividades de todo tipo, para todos os públicos e a todas horas animarán a venda e exposición de servizos e produtos por parte das preto de 100 entidades participantes dos diferentes sectores.