Trinta empresas de Pontevedra explicitan publicamente o seu compromiso co galego

Dentro da campaña Proba en galego, que desenvolve o Concello de Pontevedra, 30 empresas asinaron un decálogo co que se comprometen a usar o galego na publicidade e atención ao público, nas relacións comerciais, nos trámites administrativos...

No marco da campaña Proba en galego, unha trintena de empresas de distintos ámbitos da cidade de Pontevedra asinaron este 1 de agosto un decálogo de compromisos coa lingua galega.

O documento que asinaron implica asumir os seguintes compromisos nas relacións comerciais:

1. O galego será a lingua empregada nos avisos, por megafonía ou escritos, e carteis temporais que precise o negocio a partir da data de sinatura deste documento.

2. No comercio comezarán a atención á clientela en galego, para poñer en práctica a oferta positiva á que fai referencia o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

3. Participarán na campaña de publicidade en radio, cun paquete de 60 cuñas co texto íntegra e exclusivamente en galego. As cuñas levarán a sinatura final “Proba en Galego”.

4. Realizarán en lingua galega, como mínimo durante os vindeiros 6 meses, o resto da publicidade do comercio.

5. Solicitaranlle á xestoría que asesora o comercio o uso da lingua galega nas súas relacións comerciais.

6. Utilizarán a lingua galega nas relacións profesionais do comercio coas empresas provedoras e auxiliares.

7. Demandarán de todas as administracións públicas documentos e atención en lingua galega, para todos os trámites administrativos que teñan que ver coa empresa.

8. O persoal que traballa no comercio levará un cartón de cortesía que, coa imaxe da campaña “Proba en galego”, servirá de presentación e de convite a utilizar o galego.

9. Participarán no blog “Proba en galego”, específico para esta campaña.

10. Os/as representantes dos comercios asinarán publicamente o compromiso coa lingua galega que forma parte da campaña “Proba en galego”.

Ás primeiras empresas que forman parte activa da campaña desde 2011 estanse a sumar novas firmas comerciais. O grupo que asinou os compromisos está formado por: Ábaco (mobiliario e interiorismo), Casa Baños, Centro de ensino ENOT, Deportes Goleada, Dicenfot, Era Comunicación, Ernesto Filgueira, Estouche Ben!, A Formiga no Carreiro, Gaia Animación, Libraría Paz, Librería Depapeis, Lourdes Sampedro (lencería), Olbe Téxtil, Olga Otero (zapatería), Peral Moda, Quercus (armarios e vestidores), Rocío Fazanes (boutique), Tapicería Tranchero, Ultramarinos O Cisne e Volvoreta (moda infantil).

Proba en galego é unha campaña da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para dinamizar o uso do galego na pequena empresa e no comercio locais. Esta nova iniciativa dálle continuidade ao labor que desenvolve o Concello de Pontevedra para visibilizar e incrementar o uso da lingua galega na pequena empresa, con actuacións específicas que se veñen realizando desde o ano 2006.

Máis información en: http://probaengalego.blogaliza.org/
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

faixa linguavitalxa manifestacion e foliada pola lingua

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio