Documentos CTNL 2 - Traballarmos en dinamización lingüística - Unha introdución

Traballarmos en dinamización lingüística. Unha introdución

Autora: Isabel Vaquero Quintela / Número 2 / 68 páxinas / Maio de 2012

A extensión de servizos de normalización lingüística e de programas de dinamización durante os últimos anos nos máis diversos ámbitos foi creando nos seus e súas axentes a necesidade de adquiriren ou melloraren a súa formación específica; a meirande parte dos técnicos e técnicas de normalización son persoas tituladas en Filoloxía, ás cales non lles fican tan lonxe os coñecementos e habilidades relacionados co asesoramento, a formación ou a terminoloxía como os relacionados coa dinamización.

Só unha reducida fracción das persoas que traballamos en maior ou menor medida no eido da dinamización lingüística en Galiza (técnicos/as de normalización lingüística, animadores/as, mestres/as…) conta cunha formación académica específica na materia, adquirida no noso país, porque cursaron a ata agora única edición do Mestrado interuniversitario en planificación lingüística no curso 2008-2009, que incluía unha materia obrigatoria sobre «xestión e dinamización sociolingüística».

A maioría foise formando por vontade propia a partir da experiencia e do intercambio, da curiosidade lectora, da aplicación mutatis mutandi de coñecementos adquiridos en ciclos ou en obradoiros de animación sociocultural ou da asistencia a cursos formativos como os organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL). Non hai, ata agora, máis posibilidades en Galiza.

Estas carencias formativas, que determinan o perfil das actividades que desenvolvemos os/as técnicos/as de normalización, unidas á inestabilidade dos servizos de normalización, que limitan o alcance e a continuidade dos proxectos, explican unha inicial maior deriva cara a actividades de corrección, tradución e formación lingüística nos SNL, o que ten carrexado críticas ben acedas, mais non solucións fóra das anteditas, que en boa medida terían que vir da man das institucións responsables. Aínda así, é notable a cantidade e a calidade das actuacións e programas de dinamización lingüística que se levan desenvolvido en Galiza nos diferentes ámbitos (administración, ensino, traballo, lecer…), como teremos ocasión de ver.

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

faixa linguavitalxa manifestacion e foliada pola lingua

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio