Dos 36 concellos aos que a Xunta lles concedeu unha subvención neste ano 2010 para a creación dun novo servizo de normalización lingüística, só 10 crearon finalmente ese servizo, dos que 8 volveron pechalo despois dun único mes de actividade e só 2 o manteñen aberto despois do período de xustificación da subvención, un dos cales xa estaba en funcionamento con anterioridade. Estes son os principais datos que se desprenden do informe (.pdf) que a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) lles facilitou aos/ás responsábeis de Política Lingüística da Xunta e que acaba de facer públicos a través do seu sitio web www.ctnl.org.
As cifras falan por si mesmas e dan conta da ineficacia total desta convocatoria da Xunta, xa que non acadou o seu obxectivo básico que, segundo se sinalaba na convocatoria, era «fomentar a prestación dun servizo lingüístico en concellos ou en agrupacións de concellos».
A tardanza da convocatoria e da resolución fixo que moitos concellos tivesen que renunciar á subvención
Segundo a análise feita pola CTNL, unhas das principais causas deste fracaso da convocatoria da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) son a tardanza da convocatoria e da resolución das subvencións, xa que, aínda que a Xunta se comprometera a convocalas a principios de ano, finalmente convocounas a finais de abril (DOG do 22 de abril) e por enriba tardou en resolver case cinco meses, pois non publicou a resolución até o mes de setembro. Con isto, mentres a Xunta tivo 140 días para resolver a convocatoria, os concellos tiveron 52 días (un terzo do tempo) para planificar e executar as accións ou para facer a convocatoria, o procedemento de selección, a contratación, etc., e mais para facer a xustificación.
A dotación orzamentaria xa foi moi escasa, e reducirase de xeito drástico para 2011
Os pouco máis de 600.000 euros que a Xunta lle dedicou este ano a estas axudas son totalmente insuficientes, xa que supoñen unha media inferior aos 2.000 euros por concello, cantidade coa que a SXPL non pode pretender que os concellos creen servizos de normalización lingüística. E, o que é mais grave, lonxe de procurar aumentar esa contía, a SXPL redúcea de xeito drástico para 2011 até os 397.710 € (o que supón unha media de 1.300 € por concello galego). Así, en vez de intentar crear novos SNL, a SXPL contribúe ao peche dos existentes vía redución orzamentaria.
A gran maioría dos servizos de normalización xa existentes están na Coruña, grazas á colaboración da Deputación provincial
Ademais dos 36 concellos que recibiron subvención para a creación dun novo SNL, tamén a recibiron outros 50 para o mantemento de SNL xa en funcionamento. Deses 50 concellos, o 74% (37 concellos) están na provincia da Coruña, mentres que 9 están na de Pontevedra, 2 na de Lugo e 2 na de Ourense. Este desequilibrio débese á colaboración que a Deputación da Coruña lles ofrece aos concellos da provincia, xa que lles achega 12.000 euros anuais ás entidades que contan cun SNL, para o que a Deputación lle dedica un orzamento anual de arredor dos 500.000 €.
Incoherencias nas modalidades de concesión
Dende a CTNL consideramos que, tal e como aconteceu nesta convocatoria, non ten ningunha lóxica nin xustificación que se lles concedan subvencións para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística só a concellos que non contan con persoal técnico para a súa planificación, xestión, execución nin avaliación, mentres non se lles conceden ás entidades que si contan con persoal para desenvolver ese traballo. Así, para o desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística recibiron subvención 21 concellos que non contan con SNL, mentres non a recibiu ningún que si conta con SNL.
Así, desde a CTNL, entidade que agrupa os/as traballadores/as de normalización lingüística, enviáronlles á SXPL unha serie de recomendacións cos obxectivos de que as vindeiras convocatorias sexan máis eficaces, de acadar a estabilidade dos SNL e de contribuír á racionalización dos recursos económicos destinados á lingua.
Informe sobre as subvencións da Xunta ás entidades locais para a promoción
do uso da lingua galega (2010) [.pdf, 289 Kb] >
Total ineficacia das subvencións da Xunta aos concellos para a promoción do galego
Só conseguen crear un SNL
A CTNL fai público un informe que revela a nula incidencia que tiveron na creación e consolidación de servizos de normalización lingüística as axudas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou este ano para as entidades locais