Máis de 22.000 persoas que din que foron educadas en galego e non saíron mal de todo, case 600 que se unen a unha plataforma pola dignificación do pronome átono, máis de 37.000 que se fan seareiras de Luís Tosar agradecendo o Goya en galego, máis de 5.000 que se unen a un grupo de apoio a un decreto que defenda a lingua galega, máis de 3.000 que din estar orgullosas do galego, 750 que son seareiras das señoras que pensan que os seus tomates e a súa lingua son os mellores, case 1.000 ás que lles gustan os e as neofalantes do galego ou máis de 300 que din que a gheada é unha pasada e que o seseo é lindo coma o seo.
Grupos, páxinas, clubs, etc., para a defensa e promoción da lingua galega proliferan polo Facebook con miles de membros.
Dous dos máis recentes destes clubs promocionan a lingua nas ou para as relacións de parella ou a partir desas relacións. Un, un club formado por persoas que buscan parella, mais debe ser galegofalante, e outro formado por persoas que xa teñen ese ou esa amante galegofalante.
Busco amante galegofalante (só solteir@s) é o club formado por, a día de hoxe, 1.275 persoas que andan á procura dunha parella galegofalante. E agora pretende, ademais, ir máis aló da rede, polo que xa teñen convocada unha quedada física: o 17 de maio, ás 11.00 h, antes da manifestación a prol da lingua, nas escaleiras que van dar á Alameda.
Eu xa teño amante galegofalante ;-) é o club das persoas orgullosas da lingua das súas parellas, e a día de hoxe conta con 698 membros.
Algúns grupos e páxinas de Facebook relacionados coa promoción da lingua:
- A gheada, é unha pasada. O seseo, é lindo coma o Seo!
- A min tamén me educaron en galego e non saín mal de todo
- A morte da lingua, o suicidio do pobo
- Busco amante galegofalante (só solteir@s)
- Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL)
- Eu xa teño amante galegofalante ;-)
- Gústannos os e as neofalantes do galego
- Luís Tosar agradecendo o Goya en GALEGO
- Nós tamén estamos orgullo@s do galego
- Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega
- Plataforma pola dignificación do pronome átono
- Por un decreto que defenda a lingua galega
- ProLingua
- Queremos Galego!
- Señoras que pensan que os seus tomates e a súa lingua son os mellores