Tecnoloxías da linguaxe: as linguas na sociedade e na economía dixitais, curso de verán da USC

No marco das actividades de formación e diseminación do Proxecto Nós, e co obxectivo de divulgar as múltiples oportunidades que ofrecen as tecnoloxías da linguaxe, o ILG e o CiTIUS organizan o curso de verán titulado Tecnoloxías da Linguaxe: as linguas na sociedade e economía dixitais, que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela entre o 12 e o 15 de xullo.

O obxectivo principal do curso é difundir as múltiples posibilidades que actualmente ofrecen a intelixencia artificial e as tecnoloxías da linguaxe natural para a creación de aplicacións e servizos de uso cotián baseados nas linguas, como son os sistemas de tradución automática ou os asistentes virtuais.

No curso presentaranse os fundamentos científicos da intelixencia artificial e as tecnoloxías lingüísticas, xunto coas bases tecnolóxicas das aplicacións e os recursos que lle dan valor. As presentacións faranse dunha maneira accesible, atractiva e tamén práctica, resaltando este último compoñente aplicado co desenvolvemento de talleres para a creación dalgúns destes recursos.

Presentaranse tamén diversas iniciativas existentes a todos os niveis (gobernamental, académico e empresarial), que inciden no interese que ten para todas as linguas a súa presenza na sociedade, economía, e, xa que logo, no mundo dixital. Bos exemplos son o Proxecto Nós para a lingua galega, o Projecte AINA para a lingua catalá, o Plan Gaitu para o eúscaro, o PERTE en español: Nueva economía de la lengua para o español e as restantes linguas cooficiais do Estado ou iniciativas europeas como os proxectos European Language Equality ou CLARIAH.

MATRÍCULA

A matrícula debe formalizarse a través da páxina oficial da Universidade de Verán da USC, onde está dispoñible toda a información relativa a prezos, recoñecemento de créditos, etc. Unha vez na páxina, é preciso buscar o curso 16. TECNOLOXÍAS DA LINGUAXE: AS LINGUAS NA SOCIEDADE E NA ECONOMÍA DIXITAIS e seguir as instrucións de matrícula.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 1 de xullo de 2022.

A taxa xeral é de 120 € e a taxa reducida (estudantes de todos os niveis, pensionistas, desempregados/as, socios/as da Asociación de Antigos Alumnos da USC, PDI e PAS da USC) é de 70 €. Ademais, todas as persoas que non estean cubertas polo seguro escolar obrigatorio do INSS, deben subscribir o seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe que terá un custo de 17,50 €. Unha vez formalizada a matrícula, non se efectuarán devolucións excepto no caso de suspensión do curso.

Tamén se pode formalizar a matrícula directamente accedendo á Secretaría Virtual da USC.

SEDE DO CURSO

Escola Técnica Superior de Enxeñaría, rúa de Lope Gómez de Marzoa, s/n, 15705 Santiago de Compostela (GPS: 42.87304, -8.56074)

Máis información e programa completo e actualizado no web do curso.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio