Sermos Galiza, iniciativa social para a creación de medios en galego

A iniciativa social Sermos Galiza pretende crear un grupo de comunicación coa intención de botar a andar este mesmo ano un diario dixital e un semanario en papel en galego, sustentado fundamentalmente nas/os subscritoras/es e nun accionariado amplo e plural

As fortalezas do novo medio serán, segundo os seus promotores, a súa base colectiva, a participación cidadá e a creación de redes de colaboración. “Darémoslles voz aos e ás que non a teñen co que iso significa tanto informativamente como de apertura e participación nos nosos medios. A cidadanía será propietaria e protagonista de Sermos Galiza” sinalaron os/as promotores/as, entre os/as que figuran activistas, profesores/as, escritores/as, etc., como Teresa Moure, Xurxo Souto, María Reimóndez, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Marga Romero, Néstor Rego ou Manuel Mera.

O obxectivo de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un produto informativo novo e distinto, ao dicir dos seus promotores, “que defenda os intereses de Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva, un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro”.

“O obxectivo é que o proxecto se manteña por si mesmo, sen dependencias empresariais ou institucionais. Estamos a ver como o goberno galego pode, cando quere, aprisionar ou facer desaparecer os medios de comunicación que non lle interesan e por iso a nosa baza é a independencia e o compromiso firme dos lectores e das lectoras” defenden os promotores.

O grupo promotor entende que, para o proxecto ser viábel, precisa do apoio dun mínimo de 3.000 subscritores/as e un capital social colectivo, evitando accionistas maioritarios/as.

Deseña a creación dun diario dixital e un semanario en papel pero con perspectiva de se expandir a outros soportes comunicativos, en especial, ao radiofónico, a comezar pola radio dixital.

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio