Sábado 8 de marzo, asemblea xeral da CTNL e xantar
O sábado 8 de marzo a CTNL desenvolverá a súa Asemblea Xeral anual. Terá lugar pola mañá en Santiago de Compostela, e posteriormente celebrarase un xantar de confraternidade lingüística no mesmo espazo, A Nave de Vidán
ASEMBLEA ANUAL DA CTNL
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) reúnese en Asemblea Xeral Ordinaria o sábado 8 de marzo, a partir das 11.30 h en primeira convocatoria e das 12.00 h en segunda, na Nave de Vidán, en Santiago de Compostela.
-DÍA: sábado 8 de marzo de 2014
-Hora da primeira convocatoria: 11.30 h
-HORA da segunda convocatoria: 12.00 h
-LUGAR: Restaurante Espazo Cultural A Nave de Vidán (Avda. da Mestra Victoria Míguez 44. Santiago de Compostela)
Orde do día
1. Lectura e aprobación da acta da asemblea anterior
2. Admisión de novas/os socias/os e ratificación de baixas
3. Exposición, debate e aprobación do informe de xestión
4. Exposición, debate e aprobación do informe de contas
5. Presentación e aprobación do orzamento para o vindeiro exercicio
6. Exposición, debate e aprobación do plan de acción para o próximo exercicio
7. Elección de nova Xunta Directiva
8. Rolda aberta de intervencións
Convocatoria completa en .pdf >
XANTAR DE CONFRATERNIDADE LINGÜÍSTICA
Disque sempre estamos coa lingua de fóra…, pois haberá que coller forzas! (mais seguiremos igual con ela de fóra, para que se vexa ben, eh!). Por iso, a CTNL organiza tamén un xantar de confraternidade lingüística de traballadoras e traballadores, dun ou doutro xeito, da normalización da lingua e achegad@s.
Será unha lacoada que terá lugar xusto despois da asemblea, ás 14.30 h, no mesmo lugar, A Nave de Vidán.
O prezo é de 20 € e quen queira participar debe confirmar a asistencia ata o 5 de marzo, no enderezo-e info@ctnl.org ou no teléfono 629 571 950.
Documentación para a Asemblea
A partir do día 28 de febreiro estará ao dispor das socias e dos socios a documentación para a asemblea a través do web da CTNL: acta da asemblea anterior, informe de altas e baixas de socias/os, informe de xestión e propostas de acción para o próximo exercicio. Nese momento, enviaráseche un correo-e con acceso a eses documentos, para que, deste xeito, poidas preparar mellor as túas achegas e propostas e así facermos entre todas e todos unha asemblea máis áxil, dinámica, participativa e produtiva.
Elección da Xunta Directiva
Lembrámosche que, segundo os estatutos da CTNL, a Xunta Directiva estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a, un/unha tesoureiro/a e seis vogais (art. 24) e que os cargos da Xunta Directiva terán unha duración de dous anos (art. 25). Deste xeito, poderanse presentar candidaturas á Xunta Directiva até 72 horas antes da Asemblea (mércores 5 de marzo, ás 11.30 h), para o que se deberá enviar a candidatura por correo electrónico a info@ctnl.org, na que deberán figurar os nomes, apelidos e números de documentos de identidade dos/as socios/as que a compoñen, e sempre co visto e prace desas persoas.