A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) fixo pública o 6 de setembro a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega publicada no DOG do 22 de abril de 2010.
MANTEMENTO DE 50 SNL XA EXISTENTES, 37 DELES NA CORUÑA
Segundo a resolución feita pública pola SXPL, mediante esta orde de subvencións a Xunta colaborará co mantemento de 50 servizos de normalización existentes en entidades locais do país, 37 dos cales están na provincia da Coruña e que se financian na súa maior parte coa colaboración da Deputación da Coruña, que lle achega 12.000 euros anuais aos concellos que contan cun SNL a tempo completo, para o que a Deputación lle dedica un orzamento anual de arredor dos 500.000 €.
Dos outros 13 SNL existentes e que reciben subvención da SXPL, 9 están na provincia de Pontevedra, só 2 na de Lugo e só 2 na de Ourense.
Estes 50 concellos recibirán para o mantemento dos seus SNL cantidades que van desde os 4.296,42 € de Cee aos 11.634,60 € de Pontevedra, sumando unha contía total de 411.416,22 €.
CREACIÓN DE 17 NOVOS SNL, CATRO DELES COMPARTIDOS
En total, a SXPL subvenciona a creación de 13 servizos de normalización lingüística en municipios de máis de 3.000 habitantes e a creación de catro SNL compartidos por varios concellos (Boimorto + Sobrado dos Monxes; Castrelo de Miño + A Bola; Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, da que forman parte 17 concellos; e Carballedo + Cea).
Os concellos que, segundo esta resolución, crearán un novo SNL son: A Pastoriza, Barbadás, Cambados, Cartelle, Chantada, Guitiriz, Monterroso, Porto do Son, Quiroga, Sarria, Tomiño, Tui e Valga.
Para a creación de novos SNL dedícanselle 135.057,13 €, con cantidades que oscilan entre os 5.678,70 € que recibirá Tui e os 10.089,72 € que recibirá a Mancomunidade da Mariña e mais o agrupamento de concellos de Boimorto e Sobrado.
COLABORACIÓN CON ACCIÓNS DE 20 CONCELLOS SEN SNL
A SXPL subvencionará tamén o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística realizados en concellos que non contan con persoal técnico para a súa planificación, xestión, execución nin avaliación. Así, 20 concellos que non teñen servizo de normalización lingüística recibirán 56.194,65 €, con contías que van desde os 665,85 € que recibirá A Fonsagrada aos 3.910,20 € que recibirán Ribadavia, Celanova ou Marín.
FORTE REDUCIÓN ORZAMENTARIA DE CASE O 25% CON RESPECTO A ANTERIORES CONVOCATORIAS
Como desde a CTNL xa se denunciou no seu día, a contía que a SXPL lle dedica a esta convocatoria é de 602.668 €, o que supón unha redución orzamentaria de case o 25% con respecto á última convocatoria de subvencións para a normalización lingüística na administración local, publicada en xuño de 2008, e que estaba dotada cunha contía de 800.000 euros.
Desde a CTNL crese que esta grave redución orzamentaria dificultará a consecución dos obxectivos normalizadores desde a administración local, polo que ao remate do ano fará unha avaliación deste situación.
Resolución completa en .pdf >
Resolución da convocatoria de subvencións a entidades locais para a promoción do galego
A SXPL fixo pública a resolución das subvencións ás entidades locais para a promoción do uso da lingua galega, segundo a cal colaborará co mantemento de 50 servizos de normalización ligüística (SNL) xa existentes, coa creación de 17 novos e con accións de dinamización lingüística en 20 concellos que non teñen SNL