Queremos Galego rexistra no Parlamento unha Iniciativa lexislativa popular (ILP) para que se garantan por lei os dereitos lingüísticos e a promoción do galego na administración e no ensino

A plataforma cidadá Queremos Galego presentou unha Iniciativa lexislativa popular (ILP), coa intención de que se debata e aprobe no Parlamento galego. A iniciativa pretende garantir por lei os dereitos lingüísticos dos/as galegofalantes na súas relacións coas administracións públicas e no ensino, desenvolvendo o consenso estabelecido na Lei de normalización lingüística e no Plan xeral de normalización da lingua galega.

A ILP foi rexistrada no Parlamento galego o luns 8 de febreiro. Agora, a Mesa do Parlamento conta cun mes para admitila a trámite. Tras ser admitida a plataforma Queremos Galego conta cun prazo de tres meses nos que deberá recoller como mínimo as 15.000 sinaturas necesarias para o seu debate no pleno parlamentar.

O texto da iniciativa presentada conta con dous títulos, un “Sobre o uso do galego como lingua oficial das administracións de Galiza” e outro “Sobre o uso do galego no ámbito do ensino”.

No primeiro deles estabelécese que todas as entidades públicas galegas deben usar por defecto o galego nas súas actuacións; que o persoal ao seu servizo debe ter unha capacitación tanto oral como escrita en lingua galega suficiente para poder desenvolver o seu traballo nesta lingua, para o que as bases das convocatorias deben estabelecer, como mínimo, o desenvolvemento dunha das probas do proceso selectivo en galego; ou que os contratos e subvencións da administración deben producir un aumento do uso do galego na entidade receptora.

No segundo dos títulos, dedicado ao ensino, sinálase que o número de horas de ensino en galego será, como mínimo, do cincuenta por cento do horario lectivo, tal e como estabelece o PXNLG aprobado por unanimidade en 2004; que a Xunta debe promover o uso do galego na docencia universitaria; ou que a Administración educativa, o seu persoal e os centros, deben usar o galego.

Esta iniciativa está impulsada pola plataforma Queremos Galego e foi rexistrada coas sinaturas de representantes das entidades que a constitúen, como a CTNL, e por outras persoas significativas do ámbito da lingua, da creación, do ensino, da música, da literatura, da comunicación, etc.

Texto da ILP de Queremos Galego (.pdf, 52 KB)
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio