Manifestación 17 maio 2026

Queremos Galego convoca unha nova manifestación pola lingua o 17 de maio

A mobilización sairá ás 12 h do 17 de maio da Alameda compostelá.

A plataforma Queremos Galego anunciou na mañá do 28 de abril a convocatoria dunha nova manifestación pola lingua o 17 de maio, co lema Galego, lingua vital. A mobilización comezará ás 12.00 h na Alameda e acabará na praza da Quintana.

Manifestación polas rúas de Compostela

Queremos Galego e as organizacións que participaron na elaboración do protocolo Lingua Vital presentaron o pasado martes os pormenores da manifestación que percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro 17 maio, en defensa da nosa lingua. A saída da marcha reivindicativa terá lugar, como é habitual, ás 12.00 h da Alameda de Santiago de Compostela.

Marcos Maceira, voceiro da plataforma cívica, chama a “Unha grande mobilización cidadá que enfronte a negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos da súa cidadanía coa forza, a unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que defende o seu idioma porque sabe que é vital para a súa existencia”.

Logo da ratificación no mes de marzo do protocolo de actuación Lingua Vital xa!, froito do traballo 57 entidades de todos os ámbitos, co apoio doutras 396, para reverter a emerxencia lingüística, Queremos Galego reclama medidas concretas por parte da Xunta de Galicia para mellorar a situación do galego. Ente os anuncios do Goberno autonómico do ano 2025, está aínda pendente a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega.

Palabras de Begoña Caamaño

Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, lembrou na rolda de prensa a Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras deste ano, lendo un texto que a xornalista e escritora publicou no 2010, onde denunciaba o uso de expresións como “bilingüismo harmónico”: “O termo bilingüismo harmónico, cuñado pola administración Fraga, foi de seu unha falacia, unha completa mentira; non podemos falar en termos de harmonía cando hai unha situación tan disimétrica entre o castelán e o galego”. Begoña Caamaño aseguraba, en referencia ao decreto do plurilingüismo, que con ese texto “van asinar non a defunción, senón a execución do galego”. “Fraga pretendía que o idioma morrese ‘de morte morrida’, pero seica estes son máis impacientes e o galego estalles a resultar un moribundo demasiado lento e molesto”, afirmaba Begoña Caamaño hai 16 anos. 

Autobuses

A plataforma Queremos Galego pon á disposición da cidadanía autobuses que saen das principais cidades e vilas do país para a manifestación do 17 de maio. Pódense consultar os detalles no web da plataforma.

Información máis detallada:

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio