Queremos Galego convoca unha concentración o 17 de maio na praza do Obradoiro

A plataforma Queremos Galego, da cal forma parte a CTNL, convoca unha concentración na praza do Obradoiro para o Día das Letras Galegas, baixo o lema Queremos vivir en galego. Para acudir á mobilización cómpre inscribirse.



A plataforma cidadá Queremos Galego volve convocar a sociedade galega a unha mobilización reivindicativa o 17 de maio. Consistirá nunha concentración na praza do Obradoiro de Compostela gardando as distancias preceptivas por mor da pandemia da COVID-19.

NECESARIA INSCRICIÓN

Debido ás restricións sanitarias, este evento contará cunha capacidade limitada, polo que é necesario inscribirse para asistir, co fin de distribuír as persoas na praza mantendo a distancia de seguranza.

A inscrición farase en liña a través do web da plataforma. Con tres sinxelos pasos poderás participar na mobilización do 17 de maio na praza do Obradoiro:

1. Cubre o formulario de inscrición cos teus datos de contacto.

2. Verifica a acreditación que che chegará ao teu enderezo electrónico.

3. Lembra levar nunha folla impresa ou no móbil a acreditación para poder entrar na praza do Obradoiro.

A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia de seguranza e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

QUEREMOS VIVIR EN GALEGO

O lema deste ano é Queremos vivir en galego e con el búscase reivindicar o dereito a vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións.

Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das Linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar no día a día.

O lema tamén se empregará mediante o cancelo #QueremosVivirEnGalego para informar de todo o referente a esta mobilización e para reivindicar a través das redes sociais os nosos dereitos lingüísticos.

“Desde decembro do 2019 até hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificultades para a atención na administración pública”, salientou Marcos Maceira, presidente da plataforma, na presentación pública da actividade, onde apelou a acompañar estes pronunciamentos internacionais con mobilización social.

A sociedade galega mantivo este último ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Entre elas destaca a Inicitiva Xabarín, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, que chega ao Parlamento galego con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en galego, nomeadamente para a infancia e a mocidade.

Máis información no web de Queremos Galego.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio