DÍA: Domingo 18 de outubro
HORA: 12.00 h
LUGAR: desde a Alameda de Santiago de Compostela
AUTOBUSES PARA ASISTIR Á MANIFESTACIÓN
Desde diversos puntos do país partirán autobuses para participar na manifestación en Santiago de Compostela. Podes consultar a listaxe de autobuses, así como os datos de contacto, na seguinte ligazón.
ACTIVIDADES VARIADAS
Ao longo deste días haberá diversas actividades de animación e difusión. Podes consultar as actividades, lugares, datas e horarios aquí.
A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO
Ante as diversas medidas e anuncios encamiñados á desprotección oficial do galego e a dar graves pasos atrás no proceso de normalización da lingua galega por parte do goberno da Xunta, constituíuse recentemente a plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO, que nace coa pretensión de unir as persoas e entidades de todos os ámbitos que compartan os seguintes principios básicos:
- A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas teñen a responsabilidade e obriga de protexela e promocionala.
- A normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, polo que desde as institucións públicas non se poden tomar medidas que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito.
- Os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos, e o consenso para a lingua galega está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, así como na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificada por unanimidade polo Congreso español en 2001.
Nestes momentos forman xa parte da plataforma máis de 400 entidades, entre as que hai asociacións de todo tipo (culturais, educativas, xuvenís, ambientais, de veciñas/os, de nais e pais, de músicas/os, de escritoras/es, etc.), organizacións políticas, sindicatos, entidades públicas, etc. Tamén forman a plataforma arredor de 3.000 persoas a nivel individual.
As accións, actividades, iniciativas, etc., que desenvolva a plataforma QUEREMOS GALEGO serán as que democraticamente se decidan no seu plenario, sempre de acordo cos seus principios básicos e coas súas normas mínimas de funcionamento.
Inicialmente xa hai dúas accións previstas a nivel galego:
- Manifestación en defensa da lingua galega: 18 de outubro, ás 12.00 h, en Santiago de Compostela.
- Iniciativa lexislativa popular para levar ao Parlamento Galego a voz da cidadanía en defensa da lingua galega.
Adhesión individual á plataforma QUEREMOS GALEGO
Ademais das adhesións de organizacións e entidades á plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO, tamén é moi importante a túa adhesión individual.
Poden formar parte de QUEREMOS GALEGO todas as persoas e entidades que compartan os seus principios básicos.
Polo tanto, podes apoiar e adherirte individualmente a QUEREMOS GALEGO a través desta ligazón.