Quen cres que pode contarnos ideas, propostas e experiencias para o futuro da lingua? Proponnos participantes para o LGx15 2019!
Parece que falta moito tempo, pero na CTNL xa comezamos a organizar a edición deste ano do LGx15. Ideas para o futuro da lingua e queremos saber a túa opinión para decidirmos o programa. Quen queres ver e escoitar no escenario do LGx15 de 2019? Envíanos as túas propostas ata o 24 de maio a info@ctnl.gal e terémolas en conta para deseñar o programa definitivo.
En novembro temos unha nova cita co LGx15, o evento que organizamos desde a CTNL para transmitir dunha maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír nas actitudes e na conciencia lingüística. Este ano chegamos á quinta edición grazas a ti, que asistiches a algún dos espectáculos anteriores ou compartiches nas redes ou nas aulas as ideas, experiencias e propostas das 35 persoas que subiron ao escenario do LGx15 2015, 2016, 2017 e 2018.
Coma o ano pasado, queremos coñecer a túa opinión desde xa, desde o momento de comezarmos a organizar a nova edición. Como nos podes dar ideas? Suxeríndonos persoas que, segundo o teu criterio, poderían subir ao escenario do LGx15 e contarnos as súas propostas, reflexións e argumentos para influír no futuro do uso e prestixio do galego e/ou nas actitudes e comportamentos lingüísticos.
Como propor persoas para participar no LGx15 2019?
É moi sinxelo. Só cómpre enviares unha mensaxe de correo electrónico a info@ctnl.gal coa seguinte información:
– O nome e apelidos da persoa/s que nos suxires para intervir no LGx15
– O tema ou os temas que cres que podería/n abordar
É necesario contactar coa/s persoa/s que queres suxerir antes de enviares a súa candidatura?
Non é necesario. Será a organización do LGx15 a que se porá en contacto coas persoas escollidas para convidalas a intervir no evento deste ano.
Que prazo hai para enviar propostas?
Para podermos ter en conta as túas propostas no programa deste ano, é necesario que nolas fagas chegar ata o 24 de maio.
Que ocorrerá coas propostas enviadas?
O equipo de traballo do LGx15 teraas en conta para elaborar o programa definitivo da edición deste ano, de acordo con criterios de variedade, orixinalidade ou interese de temas.
Entón? Axúdasnos a programar o LGx15 coas túas suxestións?