Viveiro de propostas normalizadoras

Viveiro de propostas normalizadoras

En 2012 e 2013, a CTNL organizou dous encontros de traballo onde calquera persoa podía presentar unha proposta de campaña de normalización lingüística, recibir as ideas e comentarios doutras persoas e comprometer máis voluntarios e voluntarias no desenvolvemento desas accións.

Destas xuntanzas xurdiron campañas da CTNL como Gústame o galego, Como cho digo ;-), Agasallo ou máis recentemente os Premios Mil Primaveras. Tamén naceron iniciativas doutros colectivos coma o portal Alí. Recursos en galego para a educación infantil., da cooperativa Fabaloba.

Viveiro de propostas normalizadoras 2012

  • PROPOSTA: A nosa tamén conta. Oficina de Atención ao Consumidor en Lingua
    -Persoa que fai a proposta: David Cobas Medín
    -Breve descrición: Trataríase de crear unha comisión e unha Oficina de Atención ao Consumidor en Lingua entre diferentes asociacións prolingua que se encargase de elevar peticións de atención en galego para as empresas que non ofrezan esa posibilidade, e de decidir que medidas se deben adoptar en cada caso
  • PROPOSTA: Agasallo. Proposta de regalos en galego
    -Persoa que fai a proposta: Nel Vidal Barral
    -Breve descrición: proxecto para visibilizar o galego nos agasallos, principalmente na época de Nadal, a través dunha revista e dun sitio web con recomendacións de discos, camisolas, libros, cinema, banda deseñada, aparellos electrónicos, fragrancias, xogos, etc.
  • PROPOSTA. Circuíto de música/Galegote rock
    -Persoa que fai a proposta: Conchi Cochón Rodríguez
    -Breve descrición: Trátase de crear un circuíto de locais que acollan pequenos concertos de grupos ou solistas que fan música en galego
  • PROPOSTA: Club de Debate
    -Persoa que fai a proposta: Conchi Cochón Rodríguez
    -Breve descrición: Actividade para que a xente nova practique a comunicación oral en público, participando en debates por equipos, arredor dun tema coñecido de antemán
  • PROPOSTA. Módulo/curso de comunicación eficaz na empresa
    -Persoa que fai a proposta: David Cobas Medín
    -Breve descrición: Trátase de crear un módulo ou curso de formación lingüística e comunicación eficaz dirixido ao ámbito empresarial
  • PROPOSTA: Consolidación de lexislación en galego
    -Persoa que fai a proposta: SNL da USC
    -Breve descrición: Trátase dun proxecto en colaboración de técnicos/as de normalización lingüística e profesionais do Dereito para manter un repositorio dixital aberto de lexislación consolidada en galego
  • PROPOSTA. Estudo da transmisión/non transmisión do galego
    -Persoa que fai a proposta: Begoña Caldas Rodríguez
    -Breve descrición: Nas familias galegofalantes ás veces transmíteselles o galego ás/aos fillos e ás veces non, sen sabermos cal/es son os factores que inflúen decisivamente ou principalmente na transmisión/non transmisión do galego
  • PROPOSTA: Eu quero galego. Campaña de visibilización
    -Persoa que fai a proposta: Nel Vidal Barral
    -Breve descrición: Campaña xeral de visibilización do apoio de persoas ao proceso de normalización lingüística, visibilizando ese apoio a través dunha foto nun photocall que percorra diferentes lugares e difundida na rede
  • PROPOSTA: O galego tamén é chave
    -Persoa que fai a proposta: Soco García Conde
    -Breve descrición: Deseño e aplicación dun programa de normalización para un territorio delimitado (barrio), xestionándoo co tecido social e económico da zona
  • PROPOSTA: Normativa Empresarial. Responsabilidade Social Corporativa
    -Persoa que fai a proposta: Begoña Caldas Rodríguez
    -Breve descrición: Propoñer a elaboración dunha normativa de responsabilidade social corporativa de respecto aos dereitos lingüísticos para trasladar ás empresas coas medidas do PXNLG
  • PROPOSTA: Propostas de dinamización para o tempo libre
    -Persoa que fai a proposta: Olga Patiño Abeixón
    -Breve descrición: Tratase dunha proposta en colaboración de TNL e profesionais da animación sociocultural para elaborar unha compilación de materias e dinámicas útiles en actividades de dinamización que provoquen a reflexión sociolingüísticos e o coñecemento da nosa realidade cultural
  • PROPOSTA: Visibilidade da lingua na prensa diaria
    -Persoa que fai a proposta: Eva M.ª García Rei
    -Breve descrición: Os medios de comunicación son os encargados, entre outras cousas, de difundir as novas xeradas dende as asociacións culturais e veciñais, as fundacións e institucións e os organismos públicos. Porén, por sistema non utilizan nunca a lingua galega

Viveiro de propostas normalizadoras 2013

  • PROPOSTA: Acompañar as netas e os netos en galego. Dálle o galego
    -Persoa que fai a proposta: Begoña Caldas
    -Breve descrición: Campaña de dinamización dirixida ás avoas e aos avós para que acompañen en galego as súas netas e netos.
  • PROPOSTA: Campaña de visibilización do uso do galego nos medios de comunicación
    -Persoa que fai a proposta: CTNL
    -Breve descrición: Acción na procura da visibilización do uso do galego nos medios de comunicación, procurando a participación e compromiso de persoas de diferentes ámbitos que saian habitualmente en prensa (do deporte, da política, da empresa, da cultura, etc., ben a nivel local, comarcal ou galego) e que pidan que o galego se visibilice nos medios galegos, cando menos utilizando esa lingua nas súas declaracións, entrevistas, etc.
  • PROPOSTA: Feiragal
    -Persoa que fai a proposta: Xosé Ramón López Boullón
    -Breve descrición: Desenvolver un día de feira con actividades, obradoiros, xogos, campañas en galego, uso de ferramentas e redes sociais en galego, uso do móbil en galego, actividades lúdicas, contacontos, monicreques…, de todo tipo -como se fose un mini Culturgal-, con charlas de sensibilización, nas principais cidades galegas para as familias e a mocidade máis desfavorable ao uso do galego.
  • PROPOSTA: Premios a accións normalizadoras
    -Persoa que fai a proposta: Manuel Bermúdez
    -Breve descrición: Instauración dun premio a actividades (p.ex. campaña de reis) ou produtos concretos (p.ex. Buscatermos) realizados por SNL, ENDL, asociacións, colectivos asociados ao redor da causa da lingua, entidades, empresas, persoas, etc., que teñan como obxectivo principal a normalización da lingua galega.
  • PROPOSTA: Gastas pista?
    -Persoa que fai a proposta: Sino Seco
    -Breve descrición: Creación dun disco compilatorio ou lista de distribución de música en galego para pubs, con licenza Creative Commons, e difusión deste a través de eventos organizados, das redes sociais, etc.
  • PROPOSTA: Mellora da comunicación publicitaria en galego
    -Persoa que fai a proposta: Tono Formoso
    -Breve descrición: Consiste en analizar canda o sector profesional da comunicación publicitaria en Galicia as eivas no uso da lingua galega neste ámbito e buscar conxuntamente as formas para lle pór remedio.
  • PROPOSTA: Paquetes de divulgación e animación lingüística
    -Persoa que fai a proposta: Soco García
    -Breve descrición: Trataríase de que en equipo se preparase o contido dun elenco de charlas moi divulgativas que procuren animar aos seus destinatarios a usar o galego para despois ofrecelas, a través de entidades, ao seu público destinatario. A preparación do contido tería que ser moi coidada e enriquecida para facelo atractivo e transmitir moi ben a mensaxe (vídeos, imaxes, xogos…). Tamén tería que estar todo perfectamente escrito, descrito e previsto para que a charla puidese dala algunha persoa distinta das que a prepararon.
  • PROPOSTA: Revista da ficción e fotografía galego-portuguesa
    -Persoa que fai a proposta: Adrián Delgado
    -Breve descrición: Proxecto de revista online dedicada principalmente a publicación de ficción curta, poesía e fotografía de autores/as nobeis en galego e portugués. Periodicamente contaría cunha edición en libro electrónico.
  • PROPOSTA: Web de recursos para o lecer e aulas
    -Persoa que fai a proposta: Tono Formoso
    -Breve descrición: Posta en funcionamento e mantemento dun espazo web que cree, xunte e difunda material cultural e ferramentas en liña para o traballo e o lecer na aula e na familia
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio