Os Premios Mil Primaveras naceron en 2019 para recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio. Con eles a CTNL pretende valorar e proxectar o gran labor que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelo e inspiración para mellorar o traballo en normalización da lingua.


Os obxectivos dos Premios Mil Primaveras son:
- Difundir o traballo que se realiza a prol da lingua galega.
- Recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
- Transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua.
- Valorar externamente accións, proxectos ou campañas, seleccionar as mellores e sinalalas como modelos que poden ser imitados.
Para difundir os proxectos que poden servir de modelo ou inspiración para novas accións de normalización lingüística, no web figuran as campañas recoñecidas nas diferentes edicións, que se poden consultar en detalle para coñecer os seus obxectivos, destinatarios/as, desenvolvemento, avaliación etc.


Estes premios son unha ferramenta para potenciar un traballo máis eficaz no ámbito da normalización lingüística, compartir ideas e experiencias entre profesionais e entidades e recoñecer e difundir o labor de promoción do uso e do prestixio da lingua.






