O proxecto Gústame o galego naceu no ano 2012 e comezou a súa andaina na Feira das Culturas Galegas Culturgal (daquela, Feira de Industrias Culturais). O obxectivo deste proxecto era transmitir publicamente mensaxes positivas apoiando o proceso de normalización lingüística e reivindicando o seu uso en todos os espazos da vida.
Con mensaxes iniciadas por “Gústame…” e carteis que reivindicaban diferentes aspectos de defensa da lingua, as persoas sacaban fotos que logo se difundían na páxina de Facebook Gústame o galego.
Esta campaña, que se iniciou nesa edición da Culturgal, despois reproduciuse durante case tres anos en centros educativos, festivais, encontros, festas etc. E mesmo chegou á Festa Major da Universidade Autónoma de Barcelona. Alén disto, do proxecto derivaron outras campañas concretas como Gústame o galego de primeira, co Celta de Vigo e o SNL do Concello de Vigo, diferentes concursos para crear novos lemas, e mesmo chegou a replicarse na Comunidade Valenciana con M’agrada el valencià.
Gústame o galego mereceu en 2014 o Premio Xoán Manuel Pintos, que concederon o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL)