Proposta para que as deputacións se impliquen no proceso de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) envioulles ás deputacións provinciais unha proposta para que cumpran coa súa obriga legal e coa responsabilidade social no proceso de normalización da lingua galega. Propóñenlles que asuman a súa función de cooperar cos concellos para que estes poidan contar con servizos de normalización lingüística co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais dos municipios e comarcas.

O proceso de normalización lingüística, para que sexa efectivo, debe ser asumido pola cidadanía, mais as administracións públicas teñen a obriga legal e a responsabilidade social de apoiar e promover ese proceso, para o que deben implementar políticas lingüísticas activas.

Para isto, as administracións locais xogan un papel fundamental, principalmente por seren as administracións máis próximas á cidadanía, coas que a xente ten unha maior relación e contacto frecuente, e as que desenvolven accións e xestionan os servizos máis próximos á veciñanza. E, deste xeito, as deputacións, que deben ter como finalidade principal a de colaborar e cooperar na xestión da actividade municipal, deben asumir tamén as súas responsabilidades e obrigas no ámbito da normalización lingüística, impulsando, colaborando e cooperando cos concellos para que estes poidan contar con servizos, establecer medidas e desenvolver accións de cara ao fomento do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais.

Fomento dos servizos de normalización, accións dinamizadoras e actuacións transversais

Que as deputacións creen (no caso das de Lugo, Ourense e Pontevedra) ou melloren e incrementen economicamente (no caso da da Coruña) unha liña de cooperación económica cos concellos da provincia, para que estes poidan contar con servizos de normalización lingüística co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais dos municipios e comarcas; que as deputacións impulsen a planificación e desenvolvemento de accións normalizadoras desde os diversos servizos de normalización lingüística municipais ou comarcais, para que así cheguen ao maior número de ámbitos, sectores e cidadáns e cidadás posible, e de xeito planificado e coordinado; e que elaboren, aproben e apliquen un plan de actuación ou regulamento transversal a través do que se establezan criterios lingüísticos e medidas transversais en todas as súas accións e áreas de actuación, de xeito que con todas elas se procure o incremento social do uso e prestixio do galego. Estes son os tres puntos básicos da proposta que a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) lles remitiu ás catro deputacións provinciais, para que así cumpran coa súa obriga legal e coa responsabilidade social no proceso de normalización da lingua galega.

E é que até o momento, o papel das desenvolvido polas deputacións provinciais no impulso do proceso de normalización lingüística deixa bastante que desexar e necesita dun impulso urxente.

Desde a CTNL agárdase, polo tanto, que as deputacións teñan en conta esta proposta e poñan en marcha decontado accións para o impulso social da lingua galega a través dos concellos en todos os ámbitos sociais.

A proposta completa, en .pdf, pódese consultar aquí >
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio