Prolingua, A Mesa e a CGENDL queren que as eleccións sirvan para acabar coa actual política de retrocesos para o galego

A plataforma Prolingua, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística fixeron pronunciamentos que teñen como obxectivo acabar coa actual política de retrocesos para o galego e que os partidos políticos se comprometan a desenvolveren medidas eficaces para a normalización lingüística

Prolingua pide a volta ao consenso que fixo posible o Plan xeral de normalización lingüística

A primeira entidade en se pronunciar foi a plataforma Prolingua, e fíxoo mediante unha carta dirixida a todos os partidos políticos. Nesta, describe e critica a actual lexislatura, na que vimos como “Núñez Feijóo esfarelaba con teimosía os consensos básicos forxados arredor da lingua propia”. Así, Prolingua pide parar estas “agresións continuadas” ao galego, e enumera unha listaxe de 10 puntos básicos que cre que todos os partidos deberían levar nos seus programas, como poden ser o uso do galego por parte dos cargos públicos, a substitución do decreto do Plurilingüismo por unha norma que sirva para fomentar o galego, o coñecemento da lingua como requisito para o funcionariado, medidas para o fomento do galego en todos os ámbitos sociais, etc.

A Mesa di que Núñez Feijóo non merece ser reelixido

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística lanzouse unha campaña dirixida á cidadanía na que se chama a “votar en galego”. Nos folletos que difunden enuméranse dez motivos polos que “Núñez Feijóo non merece ser reelixido”, como que tirou máis de catro millóns de euros en reducir o galego no ensino, que durante esta lexislatura pecharon varios medios de comunicación na lingua propia, que se prohibiu o ensino en galego de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química, que se espallaron vellos e malintencionados prexuízos, que o galego é a lingua máis desprotexida do estado español, etc.

A Coordinadora de ENDL pide a derrogación do decreto do plurilingüismo e medidas concretas para a normalización

Mediante un documento dirixido a todas as organización políticas (.pdf), a CGENDL achega unha trintena de propostas relativas ao ensino, aos equipos de normalización lingüística e ao fomento da lingua na sociedade en xeral. No ensino piden a derrogación do decreto 79/2010 “porque ataca directamente a supervivencia do noso idioma”, e a aprobación dunha nova norma e de medidas que garantan o fomento eficaz do galego no ensino. Propoñen tamén medidas concretas para a mellora dos equipos de normalización lingüística e para o fomento do galego no conxunto da sociedade.

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio