Premio á publicidade comercial en galego en Santiago

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, co obxectivo de fomentar o uso da nosa lingua na comunicación comercial. O prazo de inscrición remata o 30 de maio e o/a gañador/a recibirá un premio de 5.000 euros para desenvolver a campaña publicitaria proposta

Tras analizar diversos estudos sociolingüísticos observouse que existe un potencial de maior uso do galego no sector socioeconómico. As empresas e negocios empregan menos galego do que lles gustaría aos seus clientes (ao 46.4% pareceríalles ben que se usase máis nas relacións comerciais). Tamén se comprobou que os negocios falan menos en galego coa clientela do que o fan internamente. O uso do galego entre o persoal chega a superar o 50%, pero baixa cos clientes a un 37,8%.

En Compostela existe unha gran diferenza entre o uso que se fai do galego á hora de interactuar coa clientela e o que se fai en ámbitos coma a documentación administrativa ou a publicidade, sendo moito máis frecuente no primeiro dos casos.

Ao mesmo temo, a publicidade é un recurso que non sempre se aproveita ben no eido empresarial a nivel local. Neste sentido, o galego tamén é unha fonte para a creatividade. Baixo o lema Será por palabras. Hai moitísimas maneiras de contalo, amósanos a túa, este concurso procura xuntar estes ingredientes para que se produza unha campaña na que se combinen as máis efectivas ferramentas publicitarias co uso do galego.

PARTICIPANTES

Poderán participar no concurso os establecementos comerciais e hostaleiros radicados en Compostela e os profesionais da comunicación e a publicidade. Os participantes deberán presentar un proxecto de campaña publicitaria, deseñado para calquera soporte e sistema de distribución, que xogue co léxico da chuvia e que sexa elaborado por un profesional para un negocio concreto do municipio, polo que deberá existir unha certa colaboración entre os titulares das empresas e os publicistas que elaboren a campaña.

XURADO E VALORACIÓN

Un xurado, formado polo/a concelleiro/a de Normalización Lingüística, un/ha representante da Concellaría de Economía, tres profesionais recoñecidos no ámbito do deseño e a comunicación e un lingüista, valorará a calidade lingüística, o aproveitamento de recursos idiomáticos, a orixinalidade e innovación nos contidos e nos formatos, a precisión na definición do target, a viabilidade técnica e económica e a adecuación dos ítems e das canles de distribución aos obxectivos.

PREMIO

O/a gañador/a do concurso recibirá un premio de 5.000 euros que lle permitirá levar á práctica o proxecto.

PRAZO

Os interesados teñen ata o día 30 de maio para presentar as súas propostas no Rexistro do Concello.

+Info:

Bases e inscrición

Perfil en Facebook

Vídeo promocional

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio