Preme aquí! Campaña de dinamización lingüística en Moaña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña puxo en marcha durante o mes de maio a campaña de dinamización lingüística Preme aquí!, dirixida á mocidade e que vincula a lingua coa rede e as novas tecnoloxías

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Moaña puxo en marcha no mes de maio a campaña de dinamización lingüística Preme aquí! dirixida á mocidade.

Esta campaña ten por obxectivos:

-Facer visíbeis entre as mozas e os mozos os contidos galegos e en galego que existen na rede e que poden ser obxecto do interese deste colectivo.

-Incrementar a percepción do galego como lingua útil nas tecnoloxías da información e da comunicación.

-Estender o uso do galego como lingua habitual de comunicación entre a mocidade nas súas interaccións na rede.

Para isto, editouse un tríptico informativo no que a mocidade terá a súa disposición unha listaxe de páxinas web, blogs e portais sobre banda deseñada, camisetas, música, xogos na rede e as páxinas propias das institucións de Galiza que ofrecen información xuvenil sobre emprego, axudas á vivenda, cursos de formación, premios, turismo xuvenil, carné xove, etc.

Para elaborar esta listaxe de recursos na rede tívose en conta que a lingua na que se expresan é a galega e os contidos que ofrecen están relacionados coa nosa cultura e coa nosa lingua, é dicir, trátase de páxinas web, blogs e portais galegos e en galego.

Os trípticos informativos distribuíronse entre os centros de ensino de Moaña, especialmente entre os institutos de ensino secundario, e entre as asociacións xuvenís e culturais deste termo municipal. Tamén están dispoñíbeis na Aula da Rede de Dinamización e na Casa da Mocidade do Concello de Moaña que colaboran na campaña.
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

faixa linguavitalxa manifestacion e foliada pola lingua

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio