A pasada semana a Xunta de Galicia fixo pública a convocatoria dos cursos de galego destinados á formación de persoas adultas para a preparación das probas Celga cunha forte redución no número de cursos (45 menos que en 2010) e cunha ausencia total de planificación e transparencia, polo que a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) lle acaba de solicitar á Xunta que corrixa todas as graves eivas detectadas.
Ademais da notábel redución no número de cursos, a CTNL denuncia a falta de planificación, xa que a Xunta organiza directamente unha serie de cursos en concellos que de xeito arbitrario decide a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) sen unha planificación territorial previa cuns criterios minimamente claros e, nalgúns casos, sen sequera contacto previo con eses concellos.
A pesar de que xa en outubro de 2009 a CTNL lle remitira SXPL unha proposta para corrixir os numerosos problemas que había nestes cursos, a SXPL fíxolle caso omiso e non tivo en conta as propostas de mellora sinaladas polos/as técnicos/as.
Descoordinación na Consellería de Educación
E aos problemas detectados en edicións anteriores, súmaselle este ano a descoordinación total dentro da Consellería de Educación, que nunha mesma semana fai dúas convocatorias distintas de cursos preparatorios para os Celga, na maioría dos casos nos mesmos lugares, épocas e horarios, uns organizados pola SXPL e outros polas escolas de idiomas. Esta dobre convocatoria supón, por un lado a duplicación de procedementos e prazos de inscrición e a dispersión da oferta e da información, e por outro, que haxa cursos preparatorios para uns exames que non teñen en conta as datas deses exames, pois outro dos graves recortes que a SXPL fai este ano é o da eliminación dunha das dúas convocatorias de probas para poder obter o Celga.
Eliminación dunha das probas para obter o título Celga
A eliminación dunha das convocatorias de exames poderalles provocar graves prexuízos a persoas que suspendan nesa convocatoria, xa que terán que agardar un ano enteiro para teren outra oportunidade de obter un certificado de lingua galega, o que pode suporlles problemas en procesos selectivos, concursos de traslados, listaxes de contratación, etc.
Desconsideración dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos
Ademais, a CTNL, entidade que agrupa á gran maioría dos traballadores/as de normalización da lingua, denuncia a desconsideración absoluta dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos que, na práctica, son quen maioritariamente xestionan e difunden eses cursos e a inscrición das persoas participantes. A CTNL denuncia que non hai ningún contacto nin coordinación previa cos SNL por parte da SXPL e nin sequera se teñen en conta na convocatoria. Os concellos teñen que solicitar eses cursos ao mesmo nivel que unha entidade privada que puntualmente quere organizar un curso para os/as seus/súas socios/as ou membros, o que non é xusto, pois os cursos xestionados desde os SNL municipais son amplamente publicitados, ofrécenselles á cidadanía en xeral, organízanse desde unha administración pública e procuran ter continuidade ao longo dos anos dentro dunha planificación.
Deste xeito, a CTNL remitiu un escrito dirixido a Anxo Lorenzo, secretario xeral de política lingüística, no que solicita que na convocatoria, organización e xestión dos cursos preparatorios para a obtención do Celga se corrixan todas estas graves eivas sinaladas e que para a obtención do Celga haxa, como mínimo, dúas convocatorias anuais de exames.
Política Lingüística menospreza os SNL dos concellos na convocatoria dos cursos Celga
A CTNL denuncia que a Xunta de Galicia reduce a oferta de cursos de galego para persoas adultas, fai unha distribución inxusta e arbitraria destes, non garante unha formación de calidade, menospreza os SNL dos concellos e elimina unha das dúas convocatorias de exames para poder obter o Celga