A partir de textos de Séchu Sende, María Ordóñez, Avelino González e Artur Trillo, a compañía Talía Teatro desenvolve un espectáculo áxil, dinámico e fresco no que a gran protagonista é a lingua galega, e os usos e abusos que sofre.
A obra pretende deixar ao descuberto os prexuízos lingüísticos a través da representación de diferentes situacións cotiás, facilmente recoñecíbeis por calquera, e faino mesturando xéneros que van desde “o drama costumista”, o “thriller de Tarantino”, as “varietés” ou “a estrita comedia”, segundo sinalou o seu director, Avelino González.
Despois de que Bicos con lingua superase as 200 representacións, Talía quixo facer novamente ao galego protagonista dun espectáculo escénico, e faino cos dous mesmos actores, Artur Trillo e Toño Casais, mais sumándolle unha actriz, María Ordóñez, e contando co mesmo director, Avelino González.
UNHA OBRA PARA QUE TOD@S REFLEXIONEN SOBRE A LINGUA
Segundo a propia compañía explica, “Pelos na lingua vai destinada a todo o mundo: aos galegofalantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non falan porque non saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non o galego, aos que pensan que o galego é a lingua que debería falar todo o mundo, aos que pensan que debería ser o inglés o idioma que falase todo o mundo, aos que pensan que a maioría dos galegos falan castelán, aos que pensan que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, mestres, alumnos, actores, actrices, carpinteiros…, a todos e todas.”
O público destinatario da obra son todas as persoas maiores de 13 anos.
Descarga o dossier completa de Pelos na lingua (.pdf) >
ESTREA E COMEZO DO PERCORRIDO POLO PAÍS
Pelos na lingua represéntase, como preestrea, o xoves 24 e o venres 25 pola mañá para as rapazas e os rapaces dos institutos de Carballo. A estrea oficial aberta ao público xeral será o propio venres 25, ás 21.00 h, no Pazo da Cultura de Carballo.
A partir de aí comeza o seu percorrido polo país, con algunha datas xa confirmadas:
>25 de febreiro en Carballo
>19 de marzo en Cee
>5 de abril na Coruña (Forum)
>7 de abril en Ribadeo
>15 de abril na Laracha
>1 de maio na Rúa
>5 de maio na Coruña (Colón)
>6 de maio en Arteixo
>13 de maio en Culleredo e Oleiros
>14 de maio en Oleiros
>19 de maio en Milladoiro, Ames
>21 de maio en Narón
>22 de maio en Ourense
>3 de xuño en Vigo
>11 de xuño en Sanxenxo
Pelos na lingua. Os prexuízos e o debate lingüístico visto desde o teatro e con humor
Ante a situación conflitiva do idioma, e despois da exitosa Bicos con lingua, Talía Teatro volve intervir no debate sociolingüístico cunha nova proposta escénica, Pelos na lingua, na que se convida á reflexión a través de dez sketchs cheos de humor e ironía