O vindeiro día 3 de outubro celebramos en Santiago de Compostela o trixésimo aniversario da CTNL. Será cunha xuntanza festiva aberta a socios/as e non socios/as no parque do Berce do Sar (en caso de mal tempo trasladarase á Casa das Máquinas).
Neste ano 2026 a CTNL fixo 30 anos. Xa van aló tres décadas desde que un grupo de técnicas e técnicos de normalización lingüística botaron a andar unha asociación que lles permitise defender a profesión, mellorar o traballo e colaborar no proceso de normalización da lingua.
Para celebrarmos esta data redonda organizamos unha xornada con actividades e sorpresas, á cal poden asistir tanto socias e socios coma persoas que non formen parte da CTNL. O programa inclúe un paseo por Compostela que relacionará as cantigas e a toponimia, guiado por Xosé Ramón López Boullón, un obradoiro de baile a cargo de Ramón do Serrador e a actuación musical das Bouba seguidas dunha foliada aberta.
PROGRAMA
Paseo “Cantigas, coplas e toponimia”
Comezamos a xornada ás 12.00 h cun percorrido guiado polas rúas de Santiago de Compostela co título “Cantigas, coplas e toponimia”. Neste paseo, cunha duración de aproximadamente 90 minutos, o estudoso da toponimia Xosé Ramón López Boullón relacionará os nomes dos lugares polos que pasemos co noso patrimonio inmaterial musical.
O punto de encontro para comezar este paseo será o parque do Berce do Sar.
Xantar colectivo
Logo do paseo propomos xantarmos todos xuntos no mesmo parque do Berce do Sar. Cada persoa ou grupo de persoas debe levar a súa propia comida e bebida. Trátase de celebrarmos un xantar onde poidamos compartir experiencias, recordos, propostas e tamén comida e bebida. Xa sabedes que a colaboración é unha das características que define a CTNL.
Obradoiro de baile tradicional
A partir das 16.00 h teremos no mesmo lugar unha actividade formativa para aprendermos o máis básico do noso baile tradicional. O obradoiro será impartido polo profesor carballés Ramón do Serrador, fundador da Escola do Alpendre en Oza e compilador de bailes e traxes do entroido bergantiñán.
Con este obradoiro de 90 minutos estaremos preparadas e preparados para as seguintes actividades…
Actuación musical das Bouba
A partir das 18.00 h continuará a festa coa actuación do grupo de pandereteiras da Pontraga Bouba.
Bouba é un grupo de música galega integrado por mulleres que se dedica á recuperación e difusión da música tradicional galega, en especial das cancións que tradicionalmente cantaban as mulleres en Galicia, mostrando como a música pode ser unha ferramenta de transición e resistencia cultural e social.
O nome do grupo fai referencia a unha palabra empregada na súa zona de procedencia (A Pontraga, Tordoia, comarca de Ordes) para se referir ao feito de presumir, querer dar boa imaxe, ou ir á festa con intención de mocear (“tes ti moita bouba hoxe”).
Bouba Pandereteiras publicaron os seguintes traballos discográficos: Vinculeiras (2017), Termando dos Marcos (2024) e Lévedo (2017). Este último é un proxecto colaborativo co grupo A Máquina de Mallar, onde se mesturan a música tradicional galega e o rock progresivo.
Foliada aberta
Tras o concerto, pecharemos a xornada cunha foliada aberta. Daquela, non esquezades traer instrumentos musicais e moita gana de bailar.
Cando e onde será esta xornada de celebración?
A xornada festiva terá lugar o sábado 3 de outubro no Parque do Berce do Sar (rúa da Carballa, 26A, 15707, Santiago de Compostela, A Coruña; indicacións para chegar aquí).
En caso de choiva, trasladaremos a celebración para A Casa das Máquinas (rúa das Galeras, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña; indicacións para chegar aquí). Avisaremos a través das nosas redes sociais se finalmente se traslada a este lugar alternativo.
Temos que anotarnos?
Para termos unha previsión das persoas que estaremos, recoméndamos inscribirse ata o 1 de outubro enviando unha mensaxe a info@ctnl.gal, onde se debe indicar o número aproximando de persoas que asistirán.
Que temos que levar?
Levaremos comida e bebida para o xantar conxunto, instrumentos musicais para a foliada e moitas ganas de aprender cousas sobre toponimia, baile, música…
Xa estou convencida/o, cal era o programa?
- Ás 12.00 h paseo “Cantigas, coplas e toponimia” con Xosé Ramón López Boullón
- Ás 14.00 h xantar conxunto ao aire libre
- Ás 16.00 h obradoiro de baile tradicional con Ramón do Serrador
- Ás 18.00 h concerto das Bouba e foliada aberta posterior.
Colaboran nesta xornada de conmemoración dos 30 anos da CTNL o Concello de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral da Lingua.
Principal información
- Xornada de celebración de 30 anos traballando en lingua
- Data: sábado 3 de outubro de 2026
- Lugar: parque do Berce do Sar (se chove, A Casa das Máquinas)
- Programa:
- Ás 12.00 paseo “Cantigas, coplas e toponimia” con Xosé Ramón López Boullón
- Xantar ao aire libre
- Ás 16.00 h obradoiro de baile con Ramón do Serrador
- A partir das 18.00 h concerto das Bouba e foliada aberta




