CONCURSO EN TWITTER PARA QUE SE VEXA! O GALEGO
1. Fai unha foto alí onde vexas o galego: nun sitio que che guste, no que necesita ter maior visibilidade ou onde, desgraciadamente, non é do máis habitual velo.
[P. ex., no aviso dun ascensor, nunha pintada de declaración de amor na rúa, nun rótulo dun concesionario de coches ou nun anuncio de pizza]
2. Publícaa na túa conta de Twitter coa etiqueta #quesevexaogalego enmarcada cunha frase positiva relativa ao ámbito ao que pertence a foto. Debes facelo a partir do día 9 de maio ás 11.00 h e até o 30 de maio ás 17.00 h.
[P. ex., “Como che me presta #quesevexaogalego no ascensor do meu edificio!” ou “Gústame #quesevexaogalego tamén para xantar pizza”]
Haberá tres premios!
- Un para a autora ou o autor do chío que cumpra os criterios do concurso e que máis rechouchíos teña o día 30 de maio ás 17.00 h. Anunciarase o/a gañador/a ese mesmo día.
- Outro para o autor ou a autora do chío que membros da directiva da CTNL consideren máis orixinal, positivo, etc. Anunciarase o/a gañador/a uns días despois de que acabe o concurso.
- E outro para a persoa máis participativa, é dicir, para quen suba máis fotos diferentes cos criterios do concurso. Anunciarase o/a gañador/a uns días despois de que acabe o concurso.
Cada un dos tres PREMIOS consistirá en:
- Dous discos: E isto é o amor, de Caxade, e Deserto de centos, de Sonia Lebedynski.
- Tres libros: Rosalía de Castro, de María Lado, María Victoria Moreno, de Eli Ríos (colección Mulleres Bravas da Nosa Historia, con ilustracións de Eva Agra), e Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón.
- Un filme: En todas as mans, documental de Diana Toucedo sobre os montes comunais galegos e portugueses.
Veña, anímate a facer Que se vexa! O galego ;-)