Os/as técnicos/as de normalización lingüística dos concellos piden a anulación da actual convocatoria de cursos Celga e unha mellor planificación por parte da Xunta

Ante a comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia relativa aos cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga 2014, técnicas e técnicos de normalización lingüística da administración local e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) piden que se anule esa convocatoria «pois o que consegue é dificultar cada vez máis que unha persoa que queira aprender galego poida facelo». Propoñen un novo método que lles facilite ás persoas interesadas a asistencia a cursos para a súa formación lingüística

Técnicas e técnicos de normalización lingüística das sete cidades galegas e das principais vilas e comarcas do país encargadas/os de xestionar os cursos de galego Celga acaban de solicitarlle á Xunta de Galicia «que se anule de xeito inmediato» a comunicación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) lles remitiu aos concellos relativa á realización dos cursos de galego preparatorios para as probas Celga 2014, pois consideran que, coas instrucións que contén, é «un grave paso atrás que empeora notablemente a xa mala planificación e xestión da formación lingüística da poboación adulta», xa que, segundo sinalan, supón unha «total falta de planificación»; «incrementa a dificultade, complexidade e incomodidade do método de inscrición»; dá uns prazos «ridículos que dificultan a difusión da información», pois só é duns doce días para todo o proceso de planificación, convocatoria, publicitación, inscrición, xestión, trámite, etc.; e porque carece de «criterios, obxectividade e transparencia para a adxudicación e programación dos cursos».

Na solicitude (.pdf) que as técnicas e técnicos de normalización municipais e a CTNL lle fixeron chegar á Xunta pídese que se «anule de xeito inmediato esta comunicación informal da SXPL sobre a realización de cursos Celga» e que se faga «unha planificación anual da oferta formativa» que permita «saber que cursos hai en cada localidade e/ou comarca, e as súas datas e horarios, para poder desenvolver unha maior e mellor difusión da formación en lingua galega dirixida ao conxunto da cidadanía», coa finalidade de facilitarlle a asistencia a cursos a todas as persoas interesadas, pois agora a Xunta obriga as persoas interesadas a preinscribirse en cursos que non se sabe se vai haber e, en caso de habelos, non se sabe que días serán, que horarios terán, etc.

Que se pense nas persoas

O colectivo de profesionais da lingua fai tamén un chamamento para que «desde a Xunta de Galicia se pense nas miles de persoas que queren e/ou teñen que formarse en lingua galega e que están pendentes das convocatorias dos Celga para poderen acceder a un posto de traballo, a unha convocatoria de emprego público, a un curso de inserción laboral, etc., e que non poden facelo, nalgúns casos perdendo un ano enteiro e incluso máis, por culpa da mala planificación e xestión da SXPL e polas escasas oportunidades de formación e de acreditación Celga que esta ofrece».

Proposta para a mellora da planificación e xestión da formación en lingua galega

Segundo sinalan, «desde hai anos levamos solicitando unha mellora na xestión e planificación dos cursos de galego e, lonxe disto, a SXPL dá agora este grave paso atrás que empeora aínda máis a xa mala xestión que había». En 2012 presentáronlle á Xunta unha Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga, elaborada e consensuada desde os diversos ámbitos relacionados coa formación lingüística de persoas adultas (técnicos/as de normalización, profesorado, persoal avaliador, etc.), mais «a SXPL, a pesar das súas boas palabras, lonxe de tela en conta, aínda empeora máis a planificación e organización de cursos de galego».

Sexa como for, pese a todas as trabas que desde a SXPL poñen con este procedemento e aos ridículos prazos, indican que desde os servizos de normalización lingüística (SNL) se debe procurar que as, aínda que escasas, posibilidades de formación lingüística lle cheguen a todas as persoas interesadas, para que a cidadanía sufra o menos posible «a mala xestión e o desleixo da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia». Deste xeito, cren que se debe procurar que lle cheguen á Xunta todas as solicitudes de cursos posibles e as demandas de formación real, polo que consideran que desde os concellos se debe publicitar a convocatoria e a formación Celga canto máis mellor, «o que non quita que se denuncie a mala xestión e planificación por parte da SXPL e que solicitemos que se anule de inmediato esa convocatoria para facer unha nova, planificada e coherente».

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio