Organizamos un Obradoiro de creación de vídeos

Desde a CTNL convocamos un Obradoiro de creación de vídeos básicos para a normalización lingüística. Terá lugar durante o mes de novembro, con dúas sesións presenciais (12 e 21 de novembro, en Santiago de Compostela) e varias en liña. O prazo de inscrición vai do 23 ao 29 de outubro

Cres que unha imaxe vale máis ca mil palabras? Pois nós non!, mais a imaxe é tamén moi importante para transmitir e a comunicación audiovisual é fundamental para a normalización da lingua, para transmitir mensaxes a prol do galego, para difundir accións e actividades de cara ao incremento do uso e prestixio do noso idioma.

E, de maneira moi sinxela, desde os servizos de normalización lingüística, desde equipos de normalización ou desde asociacións, pódense facer vídeos básicos con esa finalidade, pensados sobre todo para difundir a través da rede, e sen máis necesidades ca unha pequena cámara ou incluso un teléfono móbil.

Por este motivo, para aproveitar este potencial e para podermos crear vídeos básicos con moi poucos medios para campañas, anunciar actividades, difundir mensaxes a prol do galego, etc., desde a CTNL organizamos este obradoiro.

Este obradoiro será impartido por Roi Guitián e María Lobo, de Vacalume, e terá lugar durante o mes de novembro, con dúas sesións presenciais (12 e 21 de novembro, en Santiago de Compostela) e varias en liña.

Nel cada participante traballará nun proxecto, e coa guía do profesorado aprenderá a seleccionar a mensaxe, a planificar o proxecto, aprenderá técnicas de gravado de vídeo con aparellos básicos (cámara de fotos, cámara de vídeo, teléfono móbil, etc.), manexará a montaxe e edición do seu vídeo e verá como difundilo.

O prazo de inscrición vai do 23 ao 29 de outubro.

Información completa do obradoiro e formulario de inscrición >
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio