Ordenanza para o uso da lingua galega no Concello de Noia

O Concello de Noia aprobou a súa Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega. O texto definitivo publicouse no BOP da Coruña do 27 de setembro de 2021.



O Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 27 de setembro de 2021 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no concello de Noia, aprobada provisionalmente o 27 de maio de 2021.

Este texto normativo do Concello de Noia declara o galego como idioma oficial do Concello, por ser lingua propia e oficial de Galicia. Por tanto, establécese que “O Concello de Noia empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia, así como con aquelas que admitan o galego para as actuacións administrativas”.

Ao longo dos seus 30 artigos distribuídos en 15 capítulos, alén dunha disposición adicional e dúas derradeiras, regúlase o uso oficial do galego; o ámbito de aplicación; a atención ao público; o emprego da lingua na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas; na compra de bens e materiais, no encargo e contratación de servizos e nas relacións coas empresas privadas; na sinalizacións e rotulado; nas relacións con outras administracións; polo persoal ao servizo da Administración; e na toponimia, nomes de rúas, edificios e outras localizacións.

Tamén se establece no seu articulado a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma e o labor de mellora da calidade lingüística e da linguaxe democrática inclusiva.

O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O texto da ordenanza recolle no seu artigo 22 que o Concello de Noia contará servizo de normalización lingüístico “estable cun espazo propio e dotado con recursos económicos, materiais e humanos suficientes, co obxecto de impulsar a normalización da lingua, procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego no ámbito municipal e coordinar as accións necesarias para que se cumpra esta ordenanza”. Así mesmo, enumera as súas tarefas nas áreas de dinamización sociolingüística, formación sociolingüística, asesoramento lingüístico e as funcións xerais.

O PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Nos artigos 23 a 29 establécese que o Concello aprobará un Plan de normalización lingüística (PLN), documento en que se plasmará periodicamente o desenvolvemento e a concreción da política municipal sobre a promoción da lingua galega. Elaborarase tras un diagnóstico actualizado sobre a normalización da lingua galega no municipio, que axudará a definir as prioridades que sexan coherentes coa política municipal, coas súas competencias e, á vez, coas necesidades, intereses e problemas detectados.

O PNL conterá medidas específicas tendentes a procurar a promoción da lingua galega dentro do territorio municipal de Noia e terá a mesma vixencia ca a duración do goberno municipal. A súa aprobación deberán producirse no prazo máximo dun ano desde a data de constitución de cada Goberno municipal.

Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no Concello de Noia, en .pdf
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

faixa linguavitalxa manifestacion e foliada pola lingua

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio