O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 13 de xuño de 2018 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello do Grove, unha proposta que foi aprobada no Pleno municipal o 26 de marzo de 2018.
Este texto do Concello do Grove declara o galego como lingua oficial do Concello, por ser lingua propia e oficial de Galicia e sen prexuízo da cooficialidade do castelán. Por tanto establécese o uso da lingua galega “en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coas cidadás, cos cidadáns e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas”.
Ao longo dos seus 14 capítulos e 23 artigos, regúlase o uso do galego e a acción lingüística do concello na atención ao público; na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas; na sinalización e rotulación; nas relacións con outras administracións; nas relacións con empresas privadas; polo persoal ao servizo da administración, e na toponimia e nomes de rúas, lugares ou edificios. Tamén se establece a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma, a necesidade de coidar a calidade lingüística e o uso dunha linguaxe democrática e inclusiva, e os mecanismos de cumprimento e seguimento da ordenanza.
O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA(SNL)
Os obxectivos e as funcións do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal tamén quedan establecidas nesta ordenanza (art. 22), e indícase que debe estar “dotado con medios materiais e humanos suficientes co obxecto de impulsar a normalización e procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego a todos os niveis e ámbitos sociais, e de coordinar as accións necesarias para darlle cumprimento á ordenanza”. Así mesmo, enumera as súas tarefas nas áreas de dinamización sociolingüística, formación sociolingüística, asesoramento lingüístico e funcións xerais.
Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello do Grove, en .pdf
Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello do Grove
O Concello do Grove acaba de aprobar a súa Ordenanza para o impulso social da lingua galega. Tras a aprobación provisional o 26 de marzo e logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no BOP de Pontevedra do 13 de xuño de 2018.