Ordenanza para o impulso do galego no Concello de Cambados

O Concello de Cambados acaba de aprobar a súa Ordenanza para o impulso do galego. Tras a aprobación provisional o 25 de outubro de 2018 e logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no BOP de Pontevedra do 20 de marzo de 2019.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 20 de marzo de 2019 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza para o impulso do galego no Concello de Cambados, unha proposta que foi aprobada no Pleno municipal o 25 de outubro de 2018.

Este texto do Concello de Cambados declara o galego como idioma propio e oficial do Concello, por ser lingua propia e oficial de Galicia. Por tanto, establécese o uso da lingua galega “en todas as súas accións públicas e privadas, nas súas actuacións administrativas, actividades e na documentación, na comunicación social, e nas relacións coas cidadás e cos cidadáns e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas”.

Ao longo dos seus 15 capítulos, 22 artigos e disposición adicional, regúlase o uso do galego e a acción lingüística do concello na atención ao público; na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades; na compra de bens e materiais, contratacións de servizos; na sinalización e rotulación; nas relacións con outras administracións; nas relacións con empresas privadas; polo persoal ao servizo da administración, e na toponimia, rueiro, emprazamentos ou edificacións. Tamén se establece a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma, a necesidade de coidar a calidade lingüística e o uso dunha linguaxe democrática e inclusiva, os mecanismos de cumprimento e seguimento da ordenanza, e a posibilidade de crear un órgano participativo.

O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA (SNL)

Os obxectivos e as funcións do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal tamén quedan establecidas nesta ordenanza (art. 20), e indícase que se creará proximamente un SNL “estable dotado con medios materiais e humanos suficientes co obxecto de impulsar a normalización da lingua e procurar o incremento do uso social e o meirande prestixio do idioma galego a todos os niveis e ámbitos da sociedade cambadesa, e de coordinar as accións necesarias para coadxuvar cos diferentes departamentos municipais a darlle cumprimento a esta ordenanza”. Así mesmo, enumera as súas tarefas nas áreas de dinamización sociolingüística, formación sociolingüística, asesoramento lingüístico e funcións xerais.

Ordenanza para o impulso do galega no Concello de Cambados, en .pdf
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio