O Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 9 de xuño de 2022 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza municipal de uso social da lingua galega no Concello de Valdoviño, un texto aprobado no Pleno municipal o 7 de abril de 2022.
Este texto normativo do Concello de Valdoviño declara o galego como idioma oficial do Concello, por ser lingua propia e oficial de Galicia. Por tanto, establécese que “O Concello de Valdoviño empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas”.
Ao longo dos seus 20 artigos distribuídos en 13 capítulos regúlase o uso oficial do galego; o ámbito de aplicación; a atención ao público; o emprego da lingua na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas; na compra de bens e materiais e no encargo e contratación de servizos; na sinalizacións e rotulación; nas relacións con outras administracións; nas relacións coas empresas privadas; polo persoal ao servizo da Administración; e na toponimia, nomes de rúas, edificios e outras localizacións.
Tamén se establece no seu articulado a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma e o labor de mellora da calidade lingüística e da linguaxe democrática inclusiva.
SEN MENCIÓN DO DEPARTAMENTO TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
A pesar de que o Concello de Valdoviño conta cun servizo de normalización lingüística compartido coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, no texto da ordenanza non se fai referencia a ningún departamento técnico que asesore a institución para desenvolver as accións de impulso institucional do idioma mencionadas no artigo 19, entre elas, pór en marcha “programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega”, ou fomentar “o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, na onomástica, no deporte, nas novas tecnoloxías, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade, no ámbito relixioso, no turismo, na integración social, na música, no asociacionismo, etc.”.
Ordenanza municipal de uso social da lingua galega no Concello de Valdoviño, en .pdf
Ordenanza municipal do uso social da lingua galega no Concello de Valdoviño
O Concello de Valdoviño aprobou a súa Ordenanza municipal de uso social da lingua galega. Tras a aprobación provisional o 7 de abril de 2022 e logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no BOP da Coruña do 9 de xuño de 2022.