Ordenanza municipal de normalización lingüística do Concello de Gondomar

O Concello de Gondomar acaba de aprobar a súa Ordenanza municipal de normalización lingüística. Tras a fase de información pública e a resolución das alegacións presentadas, publicouse definitivamente no BOP de Pontevedra do 3 de febreiro de 2020.



O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 3 de febreiro de 2020 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza municipal de normalización lingüística do Concello de Gondomar.

Este texto do Concello de Gondomar declara o galego como idioma oficial do Concello, por ser lingua propia de Galicia. Por tanto, establécese que “as actuacións administrativas realizaranse en galego no territorio municipal e terán plena validez e eficacia”.

Ao longo dos seus 32 artigos distribuídos en 12 capítulos, regúlase o uso oficial do idioma galego nas resolucións e na documentación administrativa; nas relacións coas e cos administrados; nas relacións institucionais; nos avisos, publicacións e actividades públicas; nos rexistros; na atención ao público; na toponimia, sinalizacións e rótulos e na selección, provisión e reciclaxe do persoal. Tamén se establece a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma e os mecanismos de cumprimento e seguimento da ordenanza.

O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA (SNL)

O texto da ordenanza recolle no seu artigo 2.4 que “o Concello de Gondomar mantén un Servizo de Normalización Lingüística co obxectivo de dar pulo á normalización do concello“. Aínda que non hai un artigo ou capítulo que se ocupe exclusivamente do SNL e recolla pormenorizadamente as súas funcións, si se mencionan ao longo do seu articulado as seguintes:

– establecerá criterios de uso lingüístico para a entidade (art. 2.4);

– responsabilizarase da corrección de textos que deban ser publicados (art. 16);

– formará parte dos tribunais de selección de persoal para valorar os coñecementos de galego (art. 25);

– determinará os perfís lingüísticos do persoal dos diferentes departamentos (art. 26);

– organizará cursos de lingua galega para o funcionariado (art. 27);

– formará parte da Comisión Interdepartamental de seguimento da ordenanza (art. 30.1);

– ocuparase das tarefas para dar pulo institucional á “normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal” (art. 32.1 e 2) e

– será o soporte técnico para un traballo transversal neste eido de todos os organismos do concello” (art. 32).

Ordenanza municipal de normalización lingüística do Concello de Gondomar, en .pdf
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio