O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 29 de novembro de 2018 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza do uso da lingua galega no Concello da Lama.
Este texto legal declara o galego como idioma oficial do Concello, idioma que empregará nas actuacións internas do concello, na redacción de todo tipo de documentación e impresos, así como nos programas informáticos, que deberán estar adaptados para o funcionamento en lingua galega.
A ordenanza do Concello da Lama ten 31 artigos distribuídos en 12 capítulos. Ao longo do articulado, regúlase o uso do galego nas resolucións e na documentación administrativa; nas relacións cos administrados; nas relacións institucionais; nos avisos, publicacións e actividades públicas; nos rexistros; na atención ao público; nos topónimos, sinalizacións e rótulos; e na selección, provisión e reciclaxe do persoal.
Tamén se establece a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma; e no cumprimento e no seguimento da ordenanza, para o cal se creará unha comisión interdepartamental de seguimento. Esta comisión encargarase de supervisar o cumprimento da ordenanza, da actualización, ampliación ou revisión do texto, así como de promover, se é o caso, expedientes sancionadores.
SEN DEPARTAMENTO TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Malia felicitarmos o concello pola aprobación da ordenanza, observamos con estupor que o seu texto non fai referencia a ningún departamento técnico que asesore a institución na aplicación e desenvolvemento deste documento legal. Os servizos de normalización lingüística son os departamentos técnicos dos concellos que teñen como finalidade impulsar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os seus ámbitos de influencia e, así, cumprir coa súa obriga legal e responsabilidade social de contribuír ao proceso de normalización lingüística.
Esperamos que a ausencia de referencia a un SNL sexa unha eiva que se poida corrixir e non impida ao Concello da Lama contar co departamento técnico necesario para planificar, xestionar, executar e avaliar a política lingüística municipal.
Ordenanza de uso da lingua galega no Concello da Lama, en .pdf
Ordenanza do uso da lingua galega no Concello da Lama
O Concello da Lama aprobou definitivamente a súa Ordenanza do uso da lingua galega. Tras a aprobación inicial o 24 de setembro e logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no BOP de Pontevedra do 29 de novembro de 2018.